A XUNTA INICIA OS TRÁMITES PARA LEVAR A CABO UN PROXECTO DE MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA ESTRADA CEE-RIBEIRA (AC-550), NO TERMO DE PORTO DO SON
Esta actuación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas actuará sobre o treito comprendido entre o punto 98+900 e o 99+800O obxectivo é eliminar punto negro de concentración de accidentes O Consello da Xunta na súa reunión esta mañá aprobou o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón á urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada Cee-Ribeira (AC-550) no treito de concentración de accidentes situado entre os puntos quilométricos 98+900 e o 99+800, no termo municipal do Porto do Son. O obxectivo deste proxecto é a realización de obras de construción de beirarrúas e aparcadoiros, mellora e reordenación de interseccións e rehabilitación de superficie do firme coa finalidade de mellora de seguridade na estrada AC-550, nun treito próximo ao un quilómetro de lonxitude. Cómpre sinalar que esta actuación se realiza baixo a declaración de urxencia, porque o motivo da súa materialización é eliminar un treito de concentración de accidentes, evitando riscos innecesarios para os veciños do Porto do Son que circulan por esta vía para accederen ás súas vivendas e algúns servizos públicos. De xeito paralelo, a Xunta de Galicia traballa na licitación dunha asistencia técnica para iniciar o proceso de expropiación. A previsión é iniciar a elaboración de actas no terceiro trimestre de 2010 e o inicio de obras no ano 2011.
O proxecto
A mellora de seguridade viaria na estrada AC-550 no treito comprendido entre os pk 98+900 e 99+800 consiste esencialmente no acondicionamento da travesía de poboación e a mellora de interseccións para eliminar o treito de concentración de accidentes neste punto da estrada da rede primaria básica da Xunta de Galicia. O orzamento reservado polo departamento que dirixe Agustín Hernández ascende a máis de 921.000 euros. A lonxitude do treito en que se vai a actuar é de 900 metros e ao seu remate esta zona terá unha sección tipo de máis de 10 metros, xa que constará de dous carrís de 3,30 metros cada un, dúas beiravías de 0,50 metros cada unha e dúas beirarrúas de 2 metros cada unidade. Para a materialización destas obras será necesario escavar máis de 2.000 metros cúbicos de terra e empregar 1.500 toneladas de mestura bituminosa en quente. Tamén se executarán os traballos de restauración paisaxística, de drenaxe lonxitudinal e transversal e de sinalización e balizamento. Os preto de 10.000 veciños de Porto do Son veranse afectados por estas obras durante seis meses, mentres que a poboación servida ao remate da actuación será de 37.385 habitantes de Porto do Son e Ribeira, explicou hoxe a Xunta de Galicia.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario