3.3.10

Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, designados "Portos Xacobeos". Noia, o vello porto de Compostela, non


Vista do peirao de A Pobra do Caramiñal

A iniciativa “Portos Xacobeos” pretende dar a coñecer os nosos portos e a súa relación histórica co Camiño de Santiago

Os portos distinguidos como Portos Xacobeos son os de Ribadeo, Betanzos, Pontedeume, Corcubión, Cee, Muxía, Fisterra, Tui, Pontevedra, Pontecesures, Vilanova de Arousa, Cambados, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira


Noia ten unha lauda chamada "do peregrino" e mesmo tivo hospital para eles

Noia, 3 de marzo de 2010.- Segundo acaba de informar a Xunta, as Consellerías do Mar, a través de Portos de Galicia, e de Cultura e Turismo presentaron hoxe o programa de actividades denominado Portos Xacobeos, incluído dentro dos actos programados para o Ano Santo 2010. O acto de presentación contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana. As consellerías de Mar e Cultura van da man “nun momento no que todos formamos parte dun proxecto común que nos envolve e no que debemos estar implicados todos os galegos: o Xacobeo”, sostiveron ambos conselleiros.

O obxectivo deste programa é o de achegar os portos do Camiño aos cidadáns. A través de máis de 60 actividades, preténdese fundamentalmente dar a coñecer os nosos portos e a súa relación histórica co Camiño de Santiago, programando unha serie de actos nos que se pode participar ou aos que se pode asistir como espectador. Ao mesmo tempo poténcianse as instalacións portuarias dándolle un uso que integra a actividade económica, o uso social e cultural dos portos de xeito harmónico.

Esta aportación da Consellería do Mar ao fenómeno Xacobeo en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo supón, sempre segundo a Xunta, unha gran oportunidade para dar a coñecer por primeira vez a vinculación dos portos cos diferentes Camiños, nunha aposta por favorecer o coñecemento das nosas instalacións portuarias. Tamén se aproveita a oportunidade que nos ofrece este ano Santo para achegar a realidade sociocultural dos municipios galegos tanto aos seus habitantes coma aos seus visitantes.

Portos de Galicia levará a cabo este programa nas instalacións portuarias distinguidas como portos Xacobeos. Trátase de portos que pola súa situación dentro dos diversos Camiños de Santiago están relacionados por ser punto de referencia para os peregrinos. Cada porto será identificado cun monolito e con cartelería específica co lema dos portos xacobeos: “Hai camiño polo mar”. Ademais, toda a información, programación e actos figurarán na páxina web www.portosxacobeos.com.

En total, 15 portos forman parte deste programa que engloba cinco Camiños de Santiago: o do Norte, Fisterra-Muxía, Camiño Inglés, Portugués e ruta Marítima de Arousa. Os portos distinguidos como Portos Xacobeos son os de Ribadeo, Betanzos, Pontedeume, Corcubión, Cee, Muxía, Fisterra, Tui, Pontevedra, Pontecesures, Vilanova de Arousa, Cambados, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Conferencias, exposicións e concertos

Dentro desta oferta cultural inclúense quince conferencias de prestixiosos coñecedores e estudosos dos diferentes Camiños, os que falarán desde unha perspectiva histórica sobre as rutas xacobeas. Nomes como os de Celestino Lores, presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués, ou José de la Riera, presidente da Federación Galega Amigos dos Camiños, entre outros, amosarán as súas experiencias e coñecementos.

Haberá exposicións que serán itinerantes e estarán dedicadas en cada porto á vinculación específica da instalación co Camiño correspondente. Outras tantas exposicións estarán unha semana en cada lugar nunha vistosa e orixinal forma de presentación abordo do Hidria II, un barco de vapor reconstruído en museo “itinerante”.
No apartado musical, o programa tamén inclúe 15 concertos de música de cámara relacionada co Camiño. Incorporan música antiga, barroca, clasicista e século XX, con grupos de diversas especialidades que amosarían a heteroxeneidade da cultura galega. O feito de utilizar diversas especialidades camerísticas, amosa un repertorio no que se conxugan distintos rexistros culturais que inclúen músicas propias e tradicionais xa ben sexa en arranxo feito para a ocasión como propiamente obra orixinal.

As explanadas portuarias serán o lugar elixido para a realización dos 14 concertos de pop e rock. Concertos que terán unha duración de tres horas con dúas bandas. Un tributo musical á música dos anos 60 e 70 e tamén pop/rock de plena actualidade, será tamén a oferta musical para todos os públicos.

Noia, Porto de Compostela, quedou excluída

Aínda que o outro día Portos de Galicia fixo unha defensa do porto de Noia por se desaparecía coa eliminación da escollera, como lles informamos aquí, semella que se esqueceu do pasado deste porto histórico en relación coas peregrinaciónse e non aparece o porto de Compostela (mesmo hai unha publicación de Xosé Agrelo na editorial noiesa Toxosoutos que se titula así) como porto xacobeo neste Ano Santo.

A vinculación de Noia e o seu porto co Camiño de Santiago vén de moi lonxe. Cómpre lembrar que a actual Noia (no sitio onde está) foi fundada en 1168 e que o descubrimento do tombo do Apóstol Santiago en Compostela fíxoo un tal Paio en 813, polo que a vila noiesa colleu xusto os primeiros séculos de fama do Camiño Xacobeo.


Sartego do bispo Teodomiro I en Santiago, a quen Paio lle revelou o lugar onde estaba soterrado o Apóstol
 
Hai restos arqueolóxicos que dan testemuño. Aínda que non podemos ver xa o antigo hospital de peregrinos, que un alcalde tirou na súa ignorancia por se lle caía enriba a alguén, si se pode contemplar a lauda do Peregrino, da que teñen cumprida información aquí. Que Noia se incluíse neste programa de Portos Xacobeos sería fantástico para que máis xente -e algún político- redescubrise o conxunto de laudas gremiais máis importante de Europa, en Santa María a Nova.

Noia foi sitio de paso -e segue a ser- de peregrinos polo Camiño Francés no seu roteiro ata Finisterre. Os camiñantes ían hacia a parroquia de San Orente de Entines, na Serra de Outes e logo desviávanse pola liña da costa e aproveitaban os restos que aínda quedan da calzada romana Per Loca Marítima por esta zona. Curiosamente, en Outes hai un lugar chamado Labacolla (lembren que o aeroporto de Santiago leva este nome por ser o lugar onde tradicionalmente os peregrinos se lavaban os testículos antes de chegar a Santiago).

Tamén hai historiadores que relacionan o porto de Noia co desembarco nel de guerreiros hacia as Cruzadas en Terra Santa. Álvaro de las Casas chega a asegurar nos seus escritos que a Noia chegaban por mar peregrinos de toda Europa "en romería jacobea". Disque sobre 1147 unha armada saída de Darmouth con soldados de Alemania, Inglaterra, Aquitania e Flandes que ían á cruzada predicada por San Bernardo, correu risco de naufraxio por un temporal e tivo que irse a refuxiar a Noia, onde se xuntaros e repararon nada menos que 200 barcos.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical