22.3.10

Ribeira: abren prazo de inscrición para participar no programa de turismo social para maiores


Este programa de turismo social é aplicable a toda Galicia

Ribeira, 22 de marzo de 2010.- A Concellería de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia informa aos maiores do municipio que xa está aberto o prazo de inscrición para participar no programa de Turismo Social ofertado pola Xunta de Galicia a través da súa Consellería de Traballo e Benestar.

Este programa está dirixido a fomentar o envellecemento activo e a dinamización social das persoas maiores, ademais de actuar na promoción da súa autonomía e na prevención da dependencia. Convócanse un total de 3.389 prazas, das cales 100 son para persoas con discapacidade e que serán xestionadas por asociacións de persoas con discapacidade, e 260 para membros de asociacións de persoas maiores de Galicia ou doutras Comunidades Autónomas que estean interesadas en conmemorar o Ano Santo Xacobeo.

Gárdanse prazas para conmemorar o Xacobeo este ano

Tres son as modalidades de turismo ofertadas:

1.   Turismo termal: convócanse un total de 2.589 prazas para doce balnearios, entre os cales hai tres novos destinos: Augas Santas (en Ferreira de Pantón - Lugo), Balneario de Dávila (Caldas de Reis – Pontevedra) e Balneario de Guitiriz (Lugo). Caben dúas opcións: todo incluído (comprende os servizos de transporte, aloxamento e manutención, tratamento termal, actividades de animación sociocultural e póliza colectiva de seguros) e só tratamento termal (exclusivamente este servizo).

2.   Turismo de intercambio: Estadías de 8 días (7 noites) en Apulia . Esposende (Portugal). 100 prazas. Todo incluído, con transporte, aloxamento, manutención, animación sociocultural e póliza colectiva de seguros.

3.   Turismo de praia: Estadías de 8 días (7 noites) na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán – Pontevedra). 240 prazas. Todo incluído con transporte, aloxamento, manutención, animación sociocultural e póliza colectiva de seguros.

Resérvanse 40 prazas gratuítas para as persoas que acrediten unha situación de precariedade económica que lles impida sufragar os gastos da praza, e 50 prazas cunha subvención dun 50% para as parellas que cumpran as súas vodas de ouro neste ano.

Para poder apuntarse, hai que ser maior de 65 anos ou maior de 60 reunindo a condicións de pensionista, residir en Galicia, valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e non padecer enfermidades infecto-contaxiosa en fase activa, nin trastornos mentais ou condutais que poidan alterar a normal convivencia.

A data límite para presentar as solicitudes conclúe o 10 de abril de 2010.
 
Para calquera dúbida ou consulta, acudir ao Departamento Municipal de Servizos Sociais: (981 187 131; servizossociais@riveira.com)

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical