23.3.10

Ribeira: campamento urbano do 29 ao 31 de marzo para cen rapaces

A presentación tivo lugar esta mañá

 

Ribeira, 23 de marzo de 2009.- Despois do éxito acadado o ano pasado coa posta en marcha en Semana Santa dun Campamento Urbano, o Departamento de Xuventude repite experiencia cunha nova convocatoria da actividade, que está dirixida a rapaces riveirenses de entre 6 e 12 anos, ambas idades inclusive, co obxectivo de permitir que os pais poidan conciliar a súa vida laboral e familiar durante tres días laborais, entre o 29 e o 31 de marzo, que sen embargo non son lectivos para os rapaces.

Este Campamento Urbano 2010 funcionará nas xornadas sinaladas (29, 30 e 31 de marzo, luns, martes e mércores) de 10 a 18 horas, e será gratuíto para os usuarios. Ofértanse un total de 100 prazas que serán cubertas por orde de inscrición. A participación pode ser a tempo completo ou ben só nalgunhas das actividades.

A cidade vai ser o eixo central do campamento, de xeito que todas as actividades e xogos despregaranse nas prazas, rúas, parques, praias e instalacións municipais, posuíndo unha estrutura de grandes xogos de animación. Os nenos estarán acompañados en todo momento por monitores en actividades de tempo libre.

Temática india


O circo foi a temática central das actividades do ano pasado e nesta edición terá que ver co mundo dos aboríxenes de NorteAmérica (indios americanos). Tales actividades teñen como obxectivos fundamentais que os rapaces redescubran a cidade, as súas posibilidades e servizos sempre a través do xogo, e non a través de "visitas culturais"; ademais de achegarse a coñecer fisicamente o maior número de espazos posibles da cidade e coñecer alternativas de lecer que os rapaces poidan seguir realizando durante o ano.

Para inscribirse no campamento ou ben para obter máis información sobre o mesmo, hai que dirixirse á Área de Xuventude sita no Auditorio Municipal (teléfono: 981 835 650; e-mail: xuventude@riveira.com).

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical