17.3.10

Ribeira: o Bng pide melloras e máis actividades culturais na biblioteca municipal

 

Ribeira, 17 de marzo de 2010. O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que solicita unha serie de melloras na biblioteca municipal, tales como: a eliminación do depósito de 3 euros no préstamo a domicilio, dotación orzamentaria para o incremento e actualización de fondos, así como, para a dotación de mobiliario.

Tamén demanda que se organicen regularmente actividades culturais de animación, fomento da lectura e promoción do uso das instalacións, así como a elaboración dun Regulamento de funcionamento da Biblioteca "acaído".

A Biblioteca Municipal é un servizo público e de existencia obrigatoria especificada na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, explican os nacionalistas. "É unha institución que ten como finalidade facilitarlle á cidadanía o exercicio do dereito á cultura e á información, polo tanto deben ofrecer posibilidades para a dinamización, potenciación e democratización da cultura. En este sentido son múltiples as actividades que tería que desenvolver para que funcionara como un verdadeiro centro de cultura que fomente non só a lectura e a escritura senón outro tipo de actividades dos diferentes eidos da cultura".

"O principio de democratización da cultura anúlase ó ter que depositar 3 euros para realizar o préstamo á domicilio dun libro: nos tempos de crise que vivimos supón un desembolso importante e innecesario para moitas familias", argúen. Os fondos da Biblioteca aproxímanse ós 15.000 títulos, "cifra pequena para unha biblioteca dun concello como o noso, e agravado pola temporalidade dos mesmos: as distintas seccións non están suficientemente actualizadas procedendo o groso do depósito dos anos 70 e 80". Ademais, aconsellan que a sala de lectura mellore a súa distribución de espazos e que o mobiliario, sobre todo na sección infantil, se adecúe con estantes axeitados e que lle permitan o acceso ás nenas e nenos.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical