Detalle da recuperación dos muíños de Pedrachán en Noia. Toda a memoria aquí
(Nota do Bng)
O portavoz nacional visitou as obras de rehabilitación da fábrica de Sel en Muros e en Noia destacou o labor de recuperación etnográfica dos muíños de Pedrachán desenvolvido polas concellarías nacionalistas Noia, 6 de abril de 2010. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, desenvolveu hoxe unha xornada de traballo na comarca de Muros-Noia dentro da xira que está a realizar por distintos concellos do País para ter un contacto directo co labor de goberno do nacionalismo galego desde o poder municipal. No seu encontro cos medios de comunicación en Muros, o líder do BNG puxo en destaque “diversas actuacións” que se están a promover para, desde a posta en valor do patrimonio histórico e cultural, relanzar a actividade económica destas vilas. Na visita, Guillerme estivo acompañado polos concelleiros Xosé Manuel Quintela e María Xosé Alfonso Torres, ademais do responsábel comarca do BNG, Manuel González López, e do responsábel comarcal de Organización, Agapito Romeiro Castro. Comezou a xornada cunha recepción institucional no Concello de Muros, onde o alcalde Domingos Dosil e outros membros da Corporación municipal lle ofreceron información sobre as actuacións realizadas polo Goberno local. Logo visitaron o mercado municipal, un edificio histórico que foi rehabilitado cunha achega económica da Consellaría de Innovación e Industria, mediante unha obra de carácter plurianual principiada en 2005, época en que a formación nacionalista xestionaba o devandito departamento do Goberno galego. Alí, explicáronlle que a edificación do mercado data dos primeiros anos da década dos 50 do século pasado e está construída a base de muros de pedra, forxados de formigón armado e cuberta de tella do país. Componse de baixo e tres niveis e ten unha superficie útil total de 870 m2. A seguir, Guillerme Vázquez dirixiuse cara ao edificio coñecido como a “fábrica de Sel”, que está constituído por catro construcións. Estas instalacións de salgadura foron construídas no século XIX pola familia de Sel. O alcalde Domingos Dosil explicou que ao ser unha concesión administrativa, o seu uso prescribiu a finais do século pasado revertendo no Estado as instalacións alí construídas. “Nas negociacións co Goberno do Estado para a aprobación dos Orzamentos Xerais realizadas polo daquela deputado no Congreso Francisco Rodríguez, introduciuse a restauración desta conserveira”, sinalou o alcalde. A súa rehabilitación está financiada polo Ministerio de Medio Ambiente e executada pola Demarcación de Costas do Estado en Galiza. O remate das obras está previsto para este primeiro semestre de 2010. “Estas obras para Muros foron conseguidas grazas ás xestións realizadas entre o BNG, o Concello e o Estado español”, afirmou Dosil. Noia
Foto de RGG
Foto de RGG
Xa en Noia, o portavoz nacional visitou o centro histórico, acompañado de cargos orgánicos e institucionais. Así, ensináronlle diversas actuacións impulsadas dende as Concellarías de Patrimonio e Cultura do BNG de Noia, como a rehabilitación do claustro da Casa do Concello, obra do século XVI de estilo renacentista, e a reforma das rúas Porta da Vila e Carreiriña, ademais da restauración da contorna dos muíños de Pedrachán.
A rehabilitación do claustro foi realizada a través dun convenio entre as Concellarías de Casco Histórico e Patrimonio, Concellaría de Cultura e a Xunta de Galiza, cun investimento de 224.046 euros. Canto á reforma das rúas Porta da Vila e Carreiriña, foi unha obra propiciada polo BNG a través da Concellaría de Casco Histórico e Patrimonio, incluída no Fondo Estatal de Investimento Local no ano 2009. O investimento foi de 900.000 euros. A actuación realizada conta con todos os servizos soterrados, agás o cableado eléctrico, por mor da modificación do proxecto orixinal introducida polo grupo municipal do PSdeG. A rehabilitación da contorna dos muíños de Pedrachán, nas marxes do río Traba, concretouse na mellora dos camiños de acceso coa colocación de pavimento de pedra, substitución de ramplas de formigón por pedra labrada, renovación do lavadoiro, construción de bancos, mellora do aspecto de fachadas de casas coa substitución de canalóns e baixantes, ao tempo que se dotou de auga potábel aos muíños que carecían dela. Así, o portavoz nacional, acompañado dos concelleiros Bieito González Domínguez e Xosé Bernaldo Castro, visitou o muíño de Arriba ou de san Bernardo, datado no século XV, e o muíño das Cinco Rodas, do século XVII, convertidos nun centro etnográfico destinado a dinamizar o turismo na zona.
Ánxela Franco, tenente alcalde de Porto do SonAdemais, Guillerme Vázquez mantivo un encontro coa tenente de alcalde de Porto do Son, Ánxela Franco, e cos concelleiros Xosé Manuel Alonso e Xoán Xosé León, para intercambiar opinións sobre cuestións de política municipal de actualidade.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario