O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe reuniuse co alcalde de A Pobra do Caramiñal para abordar a interpretación dos contidos do Plan de Ordenación
A Pobra, 14 de abril de 2010.- O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, mantivo onte unha reunión de traballo sobre os aspectos do Plan de Ordenación do Litoral co alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal, Isaac Ventura Maceiras. Neste encontro abordaron a interpretación dos contidos do Plan de Ordenación e resolveron as dúbidas de aplicación do Plan do Litoral.
Ao longo da reunión, analizáronse os diferentes ámbitos nos que o concello plantexaba certos problemas e dúbidas. O municipio coruñés achegoulles aos representantes da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe un dossier de valoracións acerca do planeamento así como documentación dos cambios que este sufriu dende o ano 1984 ata a actualidade. A avaliación dos documentos demostrou compatibilidade entre o PXOM e o Plan de Ordenación do Litoral, deixando sen fundamentos técnicos a alarma social que se xerou sobre as mudanzas do presente plan.
Cómpre sinalar que tamén se analizou o alcance dos corredores ecolóxicos, reflexados no artigo 12 do Plan de Ordenación do Litoral. Este punto foi trasladado ao equipo redactor para permitir un encadre co planeamento da Pobra do Caramiñal. Dende a Dirección Xeral manifestoulles a importancia que a fase de audiencia ten para coñecer o grao de desenvolvemento dos diferentes ámbitos dos concellos e informoulle que a Xunta de Galicia decidiu ampliar un mes o período de consultas dos concellos ao Plan de Ordenación do Litoral, que en principio remataba o 10 de abril e agora se prolonga outros 30 días.
Asemade, indicóuselles que se decidiu realizar certas modificacións cromáticas na cartografía e puntualizacións nalgúns textos da lenda, co fin de facer a cartografía máis comprensible a todos os usuarios. A Dirección Xeral de Sostibilidade tomou esta decisión despois das aclaracións aportadas polos diferentes representantes dos concellos galegos, cos que está a manter unha rolda de consultas técnicas cos municipios que está levando a cabo dende a presentación do Plan do Litoral de Ordenación o pasado 25 de xaneiro.
Relacionada:
Urbanismo: O Psoe analiza as afeccións do POL
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario