Boiro, 12 de maio de 2010. As xornadas remataron hoxe, como estaba previsto (informamos aquí). Publicamos as conclusións íntegras, tal e como nolas pasaron dende o Concello de Boiro. Foron expostas, como se pode ler no texto, por unha técnica da Oficina de Información ao Consumidor (OMIC).
XORNADAS SOBRE O CONSUMO DE ALCOHOL, DROGAS E VIOLENCIA
VINCULADOS AO FENÓMENO DO BOTELLÓN. CONCLUSIÓNS.
VINCULADOS AO FENÓMENO DO BOTELLÓN. CONCLUSIÓNS.
Antes de concluír estas interesantes xornadas e de comezar o obxecto da miña intervención, gustaríame dar as grazas aos organizadores deste evento, a Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Boiro, Natalia Laíño e a Fundación Democracia y Gobierno Local, especialmente a Amalia Ballesteros e a Antonio Arroyo, que nos acompañaron durante estes intensos tres días e nos facilitaron o acceso a estes poñentes de primeiro nivel. Ben, dicir tamén que a miña presenza nesta mesa é totalmente accidental pero creo que podo dar unha visión imparcial do que aquí se escoitou. Xa que son maior de idade, non son nai, non traballo coa mocidade e algunha vez participei nun “Botellón”. Polo tanto, son allea, na medida que se pode ser, a este tema. Despois de estar aquí, como moitos de vós, arredor dunhas 20 horas escoitando diferentes explicacións e puntos de vista. O que me gustaría trasladar ao Concello, que anda tras solucións a este costume da xuventude que lle está a traer problemas económicos, sociais e ambientais, como manifestaba o Sr. Alcalde na inauguración destas xornadas, é o seguinte: En primeiro lugar, que a maioría dos expertos, colectivos e por suposto dos mozos e mozas que nestas xornadas interviñeron, non consideran “O Botellón” en si mesmo como algo negativo, senón que o consideran o “guateque”, o saír de viños e a movida das anteriores décadas. O negativo desta práctica, é os problemas que suscita, os que eu englobaría en dous grupos:1.- Os problemas de orde social:· A confrontación de dereitos entre os que se queren divertir e os que queren descansar. · O custo que supón para a Administración e as molestias para a cidadanía, devolver o estado orixinal os lugares onde se celebraron estas reunións.· E a preocupación e inseguridade que se sinte cando algúns dos seus partícipes rematan cometendo actos vandálicos. Momento no que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado vense obrigados a intervir. 2.- E por outra banda, os problemas de saúde consecuencia dun uso abusivo do alcohol e outras drogas, que estas celebracións facilitan.Aínda que os estudios presentados aquí, en ocasións desdinse. Xa que escoitei que o consumo de drogas entre os mozos e mozas de 14 a 18 anos está a descender e tamén escoitei o contrario, ambas posturas avaladas en datos de fiabilidade suposta. O que si quedou claro, é que España continúa a cabeza de Europa no consumo de cocaína, que duplicamos a media europea do consumo de cannabis e a pesar, ou a consecuencia das numerosas reformas educativas, non estamos nun posto meritorio cando falamos de rendemento escolar. Quizais a solución a estes problemas este na CONCIENCIACIÓN, na EDUCACIÓN e na INFORMACIÓN. E non no constante regulamento coercitivo e no continuo endurecemento das normas xa existentes.A CONCIENCIACIÓN de toda a sociedade, de que o ocio, necesidade humana, é o acorde a sociedade de consumo na que vivimos, pero non é o adecuado para a nosa saúde e para a dos demais. Porque digo isto, porque si eu abuso do consumo, enfermo. Pero mentres eu estou a consumir ,non te deixo descansar, ti enfermas tamén.
A INFORMACIÓN, creo que quedou constancia de que se está a dar información. O mellor non chega, pero temos organizacións como a Cruz Vermella co PROGRAMA MEDIADORES PARA EDUCACIÓN NA SAÚDE, que traballan nos centros de ensino ou como DESFÍO JOVEN, que traballa na prevención, rehabilitación e reinserción. Tamén a Administración ten persoas dedicadas a traballar neste campo, os técnicos de prevención. É incluso, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado teñen o Plan Directorio que levan aos centros para informar non só os alumnos e alumnas senón tamén aos seus pais e nais. E a EDUCACIÓN, creo que este foi o único punto onde, nestas xornadas, todos, poñentes e oíntes estivemos de acordo. Cheguei a entrever que a solución a estes graves problemas está na educación.· A educación que se da aos nenos e nenas no seo familiar. · A educación en valores que os pais e nais teñen que transmitir aos seus fillos e fillas.· E, a responsabilidade que teñen os pais e nais en educarse eles mesmos, nas novas cuestións que xorden para poder guiar os seus fillos adolescentes no proceso de socialización.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario