Demandaron por escrito unha entrevista con Feijóo para esixir o cumprimento dos Programas de Cooperación e do Pacto Local posto en marcha polo anterior Goberno socialista
Santiago, 12 de maio de 2010. Os alcaldes socialistas denunciaron hoxe a discriminación dos concellos gobernados polo PSdeG con respecto aos do PP por parte do Goberno galego. Unha representación de 80 alcaldes socialistas das catro provincias galegas acudiron esta mañá ao edificio administrativo da Xunta en San Caetano para presentar un escrito no que demandan unha entrevista co presidente da Xunta para abordar a súa situación e reclaman a Feijóo un reparto “xusto e equitativo dos orzamentos”. Entre eles estaba Xoán Pastor Santamaría, alcalde de Porto do Son dende novembro de 2009. O alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, explicou en nome de todos os alcaldes socialistas a situación de “asfixia” que sofren os concellos que cada día teñen “verdadeiros problemas” para prestar servizos aos seus cidadáns “que non podemos reducir, porque hai unha demanda social”. Nesta liña, esixiron ao Goberno galego “que cumpra co pacto local que deixou feito o anterior Executivo”, xa que o incumprimento do mesmo “está a repercutir no mantemento dos equipos educativos e de saúde, xa que os concellos non contan cos fondos necesarios para asumir este custo”. Os alcaldes socialistas criticaron especialmente a falla de colaboración da Xunta respecto aos programas de cooperación, e consideraron “inadmisible” que “nun momento no que o paro é un dos problemas máis graves, o Goberno galego reduza sensiblemente as achegas destes programas, que son os que permiten aos concellos contratar a persoas desempregadas”. García explicou que a reducción orzamentaria e o retraso nestes programas implica, por exemplo, que a estas alturas do ano non se estean a contratar brigadas de limpeza de xardín, ante a imposibilidade dos concellos de asumir o gasto. Así mesmo, denunciaron que o Goberno galego realiza o reparto de fondos dos programas de cooperación “con criterios claramente políticos e partidistas”, en lugar de distribuír o orzamento en función do número de desempregados de cada concello, tal e como establece a orde correspondente. A iso engaden que moitas das obras de saneamento e abastecemento cuxos procesos de adxudicación estaban xa iniciados “están agora paralizados polo Goberno do PP”.Discriminación
Os alcaldes denunciaron a discriminación que sofren os concellos gobernados polos socialistas, e máis concretamente os desempregados que residen nestes concellos, xa que “a media dos orzamentos asignados polo Goberno galego nos fondos de promoción de emprego do 2009 aos concellos con alcaldes socialistas foi ata cinco e seis veces máis baixo que os percibidos por concellos que contan con alcaldes do PP”. Criticaron tamén a falla de criterios obxectivos para o reparto de fondos e distribución das obras previstas no Plan Hurbe da Xunta, e contrapuxeron este plan co Plan E do Goberno central, que repartiu 13.000 millóns de euros nestes últimos dous anos entre todos os concellos, independentemente da súa cor política. Por elo, os alcaldes socialistas esixiron a Feijóo “que cumpra o compromiso que adquiriu cando foi investido presidente da Xunta de tratar por igual a todos os concellos” e advertiron que realizarán “as concentracións que sexan necesarias” para conseguir un reparto de fondos entre os concellos “con criterios obxectivos”. “Queremos dicirlle alto e claro a Feijóo que non nos vamos a quedar aquí”, explicou García en nome dos alcaldes, “xa que faremos as concentracións que sexan necesarias para conseguir que os nosos cidadáns teñan os servizos que precisan”, concluíu.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario