22.5.10

Dodro: buscan que un académico da Real Academia Galega propoña a Eusebio Lorenzo Baleirón como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2011

Eusebio Lorenzo Baleirón


Dodro, 22 de maio de 2010. O pasado venres 21 de maio, na Casa da Cultura do Concello de Dodro, e dentro da programación que a Concellaría de Cultura ten este mes de maio para honrar a figura do homenaxeado nas Letras Galegas, Uxío Novoneyra, estivo o académico Darío Xoán Cabana, que falou sobre a vida e obra de “Loboneyra” -de quen era amigo persoal- e recitou algún dos seus poemas, rematando co himno “Letanía a Galicia”.

Darío Xohán Cabana, académico da Real Academia Galega


Unha vez finalizada a intervención de Darío Xoán Cabana, o concelleiro de Cultura, Anxo Franco, presentou as bases para a XXIII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que abre, dende xa, o prazo para recibir orixinais. Anxo Franco aproveitou a ocasión para pedirlle a Darío que, dende a súa posición de académico da RAG, propuxese ao propio Eusebio como a figura homenaxeada nas Letras Galegas do vindeiro ano, petición á que se sumou Helena Villar Janeiro, coordinadora do premio que honra o seu nome.

Acto de entrega do premio "Eusebio Lorenzo Baleirón" o ano pasado


Acto seguido presentouse ao poeta gañador do ano pasado, Daniel Costas, que a semana pasada tamén gañou o premio de poesía “Universidade de Vigo” para presentar o libro  gañador da última edición do Eusebio Lorenzo. O libro estará para a vindeira semana dispoñible na biblioteca de Dodro e moi próximamente tamén dispoñible nas librarías do país.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical