8.5.10

Ribeira: programación completa do "Maio cultural" de 2010

O edil Luciano Fernández presentou o programa do Maio Cultural 

Ribeira, 8 de maio de 2010.- Máis dunha ducia de eventos de toda índole, vinculados co espallamento da cultura, servirán para conmemorar no municipio o Mes das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Uxío Novoneyra. Con tal motivo, o edil de Cultura e Festexos, Luciano Fernández, presentou a programación do Maio Cultural 2010, organizado polo Concello (a través das Áreas de Cultura e Educación), en colaboración con diversas entidades e institucións.  

Sábado 8 de maio, Día das Nais

Conmemorarase o Día das Nais cun Festival a cargo da Asociación Aires da Dorna. A entrada tamén e libre e gratuíta e terá ao Auditorio como escenario.

Domingo 9 de maio, festival solidario pro Haití


Toda a información nesta ligazón

Luns 10 de maio, proxección de "O Pai de Migueliño"

   Baixo iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística de Ribeira e coa colaboración da Deputación da Coruña, este luns, día 10 de maio, a Aula Multimedia acubirllá a actividade “Da Literatura ao Cine”: un evento que se servirá da proxección da curtametraxe “O Pai de Migueliño” (baseada nun texto homónimo de Castelao recollido en “Cousas”) para que o director deste filme, Miguel Castelo, poida explicar aos asistentes (uns 30 alumnos de Primeiro de Bacharelato) o complexo proceso das adaptacións do relato literario ao cinema.

Esta actividade ten como obxectivo principal establecer as relacións existentes entre a literatura e o cine, linguaxes suxeitas a especificidades diferentes, dar a coñecer historias autóctonas contemporáneas, introducir aos escolares nos rudimentos da linguaxe cinematográfica e achegalos ao proceso, complexo e interesante, da construción fílmica. Será entre as 16 e as 18 horas. 

Martes 11 de maio, recital comentado

Darío Xohán Cabana é o da dereita

 O martes 11 de maio hai un Recital Comentado de Uxío Novoneyra a cargo de Darío Xohán Cabana, que está dirixido a alumnado de 3º Ciclo de Primaria. Terá lugar no Auditorio Municipal.

Mércores 12 de maio, charla sobre Novoneyra

O mércores 12 de maio, Antón Lopo pronunciará a charla “Uxío Novoneyra, a distancia do lobo”, destinada a alumnos do 2º Ciclo de Secundaria e que se celebrará ás 11 horas no Auditorio.

Venres 14 de maio, recital poético "Ventos"

Tamén ás 11 horas terá lugar o venres día 14 o recital poético “Ventos”, a cargo de Pífano Teatro, no que asistirán alumnos de 1º do Ciclo de Secundaria.

Martes 18 de maio, entrega premios concurso audiovisual

   O martes 18 de maio, o Auditorio Municipal será escenario ás 21 horas da Gala de Entrega de Premios do Segundo Concurso Audiovisual Galego Olloboi, que organiza o IES Leliadoura.

Mércores 19 de maio, contacontos e premios

O mércores 19 de maio, ás 11 horas, terá lugar unha sesión de contacontos desenvoldida pola compañía Duendesico que levará por título “O Colleiteiro de Pensamentos”. Ademais, no mesmo acto entregaranse os premios do XVIII Certame Literario Uxío Nononeyra, cuxos premios están integrados por lotes de libros, material didáctico e diplomas.

Xoves 20 de maio, obradoiro literario

E por último, o xoves 20 de maio, na Biblioteca Municipal, terá lugar o obradoiro literario “Ti Contas”, a cargo de Jaureguizar. Celebrarase ás 11.30 horas.

Exposicións

Hai unha dedicada a Autor@s das Letras Galegas que xa se pode ver exhibida na sala baixa do Auditorio Municipal ata o 31 de maio. Estará aberta ao público de luns a venres de 11 a 14 horas e os martes e mércores de 18.30 a 20.30 horas. 

Xacobeo

A segunda levará  por título “Iacobus Gallecia. Xacobeo 2010” e está promovida pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Terá lugar entre os días 14 de maio e 13 de xuño na sala alta do Auditorio Municipal e o seu horario será de luns a venres, de 11 a 14 horas, e martes, mércores e sábados, de 19 a 21 horas.

Mostra Infantil de Teatro, do 24 ao 28

Mención aparte merece a xa tradicional Mostra Infantil de Teatro, que cumpre a súa 13ª edición e que se celebrará do 24 ao 28 de maio no Auditorio Municipal. As actuacións incluídas nesta mostra será obxecto dunha futura presentación.


Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical