Noia-Muros, 17 de xuño de 2010. Representantes do BNG de Muros e Noia, encabezado polo responsábel comarcal Manuel González, así como a parlamentaria do BNG Ana Pontón mantiveron onte dúas reunións con representantes do sector do mar desta comarca co obxectivo de coñecer as súas demandas e proxectos de futuro.
A primeira reunión foi con representantes da Asociación de Produtores de Mexillón da Ría de Muros e Noia e tivo lugar en Muros, tamén estivo presente na mesma o alcalde desta localidade, Domingos Dosil. Os mexilloeiros trasladáronlle aos representantes do BNG a necesidade de mellorar a comercialización do produto galego, e cuestionaron a actual permisividade da administración ao respecto da etiquetaxe de produto foráneo como se fose galego. Tamén manifestaron a súa preocupación polo ordenamento dos parques de bateas, en actual proceso de revisión, e que crea incertezas no sector.
A segunda das reunións foi con representantes da confraría de Noia entre os que se atopaban o patrón maior, Santiago Cruz. Na mesma, á que tamén asistiu o portavoz do grupo municipal do BNG de Noia, Bieito González, os representantes do sector manifestaron a importancia do saneamento integral da ría e da recuperación dos bancos marisqueiros polo que agradeceron a labor feita polo BNG nas institucións nese sentido. Tamén amosaron unha inquedanza semellante aos produtores de mexillón referida á necesidade de mellorar a comercialización e evitar a venda de produtos foráneos como se foran galegos.
Con estas reunións o BNG da comarca de Muros e Noia xunto con representantes do BNG no parlamento galego inician unha rolda de contactos cos axentes sociais e económicos máis importantes da nosa comarca. Tanto Ana Pontón como Manuel González coincidiron en destacar a importancia económica tanto do marisqueo como do sector mexilloeiro nestes momentos de crise.Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario