16.6.10

Política: os socialistas presentan unha proposición para garantir a transparencia na publicidade institucional


Lage Tuñas adianta que o texto lexislativo introduce a limitación dos actos institucionais en período electoral: “prohíbese realizar a publicidade obxecto desta Lei nos períodos electorais”

A Lei que propoñen os socialistas galegos obrigará  a facer públicos os contratos de publicidade por parte das administracións públicas

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2010. O portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage entregou hoxe no rexistro da cámara a Proposición de Lei de Publicidade Institucional de Galicia, a primeira iniciativa lexislativa do Grupo Socialista neste período de sesións. Esta iniciativa, explicou, nace co obxecto de “garantir a transparencia e boas prácticas na actividade publicitaria do conxunto das administracións públicas galegas.” 

O PSdeG aposta por un texto innovador que introduce “garantías no período electoral, introducindo limitacións claras á realización de actos institucionais en época electoral”. Esta norma determinará tamén as limitacións e garantías en períodos electorais que afecten ao territorio da Comunidade Autónoma, prohibindo os actos publicitarios nos devanditos períodos, continuando coa liña marcada pola Lei 4/2006 de Transparencia e Boas Prácticas da Administración Pública Galega. 

Lage Tuñas explica que “o texto legal obrigará ás administracións públicas a ser plenamente transparentes na contratación da publicidade electoral e no uso dos recursos públicos, co fin de evitar un uso partidario das institucións”. O parlamentario socialista sinala que esta norma “recolle expresamente as limitacións e prohibicións establecidas durante as campañas electorais de todos aqueles actos que supoñan a manifestación pública de presentacións, inauguracións e eventos similares”. 

A iniciativa socialista, engade, incluirá por vez primeira a regulación das axudas da publicidade institucional aos medios de comunicación social “con criterios obxectivos e favorecendo a transparencia informativa” e “co obxectivo de erradicar prácticas opacas e discrecionais no manexo de fondos públicos”.  

A lei proposta polo PSdeG establece tamén a obriga de remitir ao Parlamento cada catro meses a relación de contratos, axudas, subvencións e convenios. Finalmente, determina a constitución dunha Comisión de Publicidade Institucional que controle e fiscalice o uso dos recursos públicos neste sentido.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical