11.6.10

Ribeira: máis de 25 actividades deportivas no verán para conciliar vida familiar e laboral

Ribeira, 11 de xuño de 2010. O Concello de Ribeira a través da súa área municipal de Deportes organiza para este verán un total de 26 actividades de toda índole, entre as que se contan escolas deportivas para nenos e para adultos, campamentos e actividades ao aire libre e competicións deportivas. O edil Miguel Ángel Vidal estivo acompañado na presentación por Vicente García, segundo tenente de alcalde, quen destacou "a idoneidade tanto destas actividades de verán como das organizadas polas Concellerías de Cultura e de Xuventude e Turismo para propiciar a conciliación da vida familiar e laboral no período estival". 

Escolas deportivas para nenos

Dentro das escolas deportivas para nenos e nenas, cabe salientar como unha das súas grandes novidades a disciplina do remo: unha actividade que pode ter lugar, segundo informou Miguel Ángel Vidal, grazas á colaboración da Cofradía da Dorna, o Club de Remo Puebla e o Club Náutico de Ribeira. A escola desenvolverase nas instalacións desta última entidade, os luns, mércores e venres de 11 a 13 horas. Está dirixida a nenos con idades a partir dos 12 anos. 

A outra principal novidade será a Escola Deportiva de Orientación, que se celebrará no Parque de San Roque os sábados de 10.30 a 12 horas. Poderán participar rapaces de entre 8 e 15 anos. 

Ademais, desenvolveranse as xa tradicionais escolas deportivas de baloncesto (na pista exterior do IES Número 1 e no Polideportivo Santa Uxía), Fútbol (na Fieiteira), Tenis (na pista do Touro e o Polideportivo de Sirves), Volei Praia (na praia de Coroso) e Xadrez (no Círculo Mercantil e Industrial de Ribeira) 

Escolas deportivas para adultos

Polo que respecta ás Escolas Deportivas para Adultos, tamén hai que resaltar como novidades as escolas de orientación e remo, neste caso dirixidas a persoas de 16 anos en diante. Por outra banda, celebraranse escolas deportivas de aerobic (no polideportivo de Santa Uxía) e tenis (no polideportivo de Artes) 

Todas as escolas referidas desenvolveranse nos meses de xullo e agosto. 

Campamentos e actividades ao aire libre

En canto aos campamentos e actividades ao aire libre, haberá un Campus Multideportivo destinado a rapaces de 6 a 12 anos que se celebrará no polideportivo do IES Número 1 e nas súas inmediacións.  

Así mesmo, tamén terá lugar un curso de piragüismo na praia de Coroso e unha campaña de vela promovida pola Deputación da Coruña que terá lugar en Porto do Son. 

Actividades e competicións deportivas

E en canto ás actividades e competicións deportivas, Miguel Ángel Vidal enumerou a 18ª edición dos campionatos de verán de Fútbol 7 (na Fieiteira) e de Fúbol Sala (en Sirves), o 8º Circuíto de Tenis As Miñoteiras, a Ruta de Sendeirismo O Pindo, o Campionato de Fútbol 7 da Fieiteira, o 3x3 Basquet, o 14º Torneo de Xadrez, o Circuíto Barbanza de Volei Praia, a Travesía a Nado Praia de Coroso, a 3ª Carreira Popular de Artes, a 8º Andaina Popular Concello de Ribeira e a Carreira Popular de Santa Uxía. 

Pódese obter máis información na páxina web www.riveira.es. Para consultas e inscricións, contactar coa oficina municipal de deportes.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical