2.7.10

Noia: o Bng pregunta no Congreso dos Deputados sobre unha posible reversión do porto de Noia ao Estado

O deputado do BNG Francisco Jorquera considera “inadmisíbel que o Goberno pretenda a reversión dun porto que se excluíu da consideración de Portos de Interese Xeral” 


Canle de entrada para os barcos ao porto do Marqués de Monroi

Noia, 2 de xullo de 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou onte unha iniciativa parlamentaria na Cámara para solicitar explicacións ao Goberno por tratar de recuperar a competencia sobre o espazo portuario de Noia, que foi transferido á Xunta baseándose no Real Decreto 3217/1982, de traspaso de funcións e servizos á Comunidades Autónoma de Galiza en materia de portos.  

Explica Jorquera que o Ministerio de Medio Ambiente comezou a tramitación para solicitar a reversión das competencias da Xunta sobre o denominado sistema portuario de Noia. “Segundo parece, a intención do Ministerio é a de realizar unha actuación no interior da Ría de Noia para derrubar a escolleira de acceso ao Porto do Marqués, o que imposibilitaría que se rematase no futuro a obra portuaria, convertindo  en irreversíbel o alonxamento de Noia do mar”.


Auténtico “ataque ás competencias autonómicas”  

Lembra o deputado do BNG que a conclusión desta obra é unha “vella demanda de diversas forzas políticas e sociais do municipio xa que a proximidade de Noia a Santiago, a importanza do seu casco histórico, a beleza da súa Ría, permitirían desenvolver plenamente as súas potencialidades no eido da náutica deportiva e de recreo”. E precisamente, recalca, a reversión poría fin a todas estas posibilidades. Sen esquecer que o cambio de marco xurídico ocasionaría problemas desde o punto de vista urbanístico. Ademáis, os artigos da Lei de Costas nos que o Ministerio se ampara son “só de aplicación aos portos de nova construción e non a un porto histórico como é o caso”.  

Pero o máis grave, sinala o deputado nacionalista, “é que as pretensións do Ministerio son un auténtico ataque ás competencias autonómicas. Resulta inadmisíbel que o Goberno pretenda recuperar un porto que se excluíu por Decreto da consideración de Porto de Interese Xeral”. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical