O Concello de Porto do Son dispón dende onte dunha embarcación tipo “Omega” para o fomento do deporte da vela na localidade. O barco, que supuxo un investimento de algo máis de 9.000 euros, foi entregado polo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, nun acto no Náutico de Portosín que contou coa asistencia do alcalde da localidade, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, do concelleiro de Deportes da localidade e de representantes da Federación Galega de Vela.
A embarcación estrearase na impartición dun curso de vela para 40 rapaces e rapazas de 9 a 18 anos do municipio que comezou onte e rematará o vindeiro 9 de xullo.
Segundo os datos facilitados polo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, a institución provincial destina este ano 48.500 euros para a “Campaña de vela 2010”, que fomentará os deportes náuticos entre os nenos e nenas dos concellos de Camariñas, Porto do Son e Malpica e que inclúe a adquisición de tres embarcacións tipo “Omega” (unha por municipio) e o financiamento dos cursos de vela nestas localidades.
En total, uns 120 nenos destes tres concellos coruñeses, entre 40 e 50 por municipio, terán a oportunidade de formarse durante unha semana no deporte da vela, con monitores especializados, seguros, material e embarcacións axeitadas, grazas a esta campaña que a institución provincial desenvolve cada verán en colaboración coa Federación Galega de Vela, que se encarga da organización técnica dos cursos.
As embarcacións tipo “Omega” están especialmente deseñadas para a formación no deporte da vela e é a máis utilizada no sector para as primeiras horas de navegación. Fernández Moreda destacou a importancia dos deportes náuticos na provincia da Coruña, que conta con máis de mil kilómetros de costa e as condicións idóneas para a práctica da vela.
Pola súa banda, o alcalde Porto do Son agradeceu o compromiso da Deputación da Coruña co municipio e o apoio económico para fomentar o deporte da vela entre os máis pequenos.
Segundo subliñou o presidente provincial, coa entrega deste barco tipo “Omega” en Portosín son xa un total de 18 concellos da provincia os que dispoñen de embarcacións deste tipo para o fomento da práctica da vela. Na campaña de 2007 os concellos beneficiarios foron Laxe, Cee, Cedeira, Ferrol e Rianxo; en 2008, Ribeira, Corcubión, Cerceda, Ares e Ortigueira; en 2009, Muxía, Fisterra, Boiro, Sada e Cariño; e en 2010 Camariñas, Porto do Son e Malpica.
Visita ás obras da piscina
Tras a entrega da embarcación en Portosín, O presidente da Deputación e o alcalde de Porto do Son desprazáronse ata o lugar de Noal – A Tarela, onde se están a executar as obras de construción da piscina municipal, financiadas integramente pola Deputación da Coruña cun orzamento de 1.204.741,37 euros.
A infraestrutura deportiva contará con soto e planta baixa (cunha superficie 1.887 metros cadrados) que albergará unha piscina cuberta e climatizada con vestiarios, aseos masculinos e femininos, ximnasio e zona de control, ademais dun espazo para enfermería, masaxes, sauna e baño turco.
A dimensión do vaso da piscina principal será de 25 x 12,5 metros, mentres que na piscina de aprendizaxe será de 3,52 x 13,10 m. O volume da piscina principal é de 492 metros cúbicos e o da piscina de aprendizaxe de 46,11 metros cúbicos.
O soto, de 480 metros cadrados, destinarase a albergar as instalacións e as caldeiras.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario