9.7.10

Sanidade: xa poden chegar pacientes por aire ao Hospital da Barbanza

Aí o teñen. Costou, pero xa se pode empregar o helipuerto do Hospital da Barbanza. Chapodaron as árbores que cumpría eliminar (eucaliptos, claro) e agora este centro sanitario xa é un pouco máis "europeo".

A nota de Sanidade di:
O heliporto do Hospital da Barbanza está en funcionamento dende o xoves 8 de xullo, integrándose así na rede de helisuperficies de emerxencias sanitarias de Galicia e mellorando a accesibilidade do centro ribeirense.

Deste xeito, tras ser subsanadas as deficiencias detectadas nel ao principio da lexislatura e cortadas as árbores que impedían a súa utilización e grazas á colaboración do Concello de Ribeira e dos particulares propietarios do terreo no que estes están situados-, o centro hospitalario conta xa cunha plataforma de despegue e aterraxe que garante a operatividade do traslado de feridos por vía aérea en caso de emerxencia.

Esta nova dotación, que cumpre con todos os requisitos de seguridade necesarios, reducirá os tempos para a chegada de pacientes ao Hospital da Barbanza e para os desprazamentos que sexan necesarios a outros centros da rede galega, o que incrementará a eficacia na prestación asistencia sanitaria. Así, axilizaranse de xeito importante os traslados das persoas que precisen acudir a centros de referencia como poden ser o Complexo Hospitalario da Coruña ou o Complexo Hospitalario de Santiago.

O Servizo Galego de Saúde dá así un paso máis no cumprimento do seu obxectivo de garantir unha sanidade pública de calidade, prestar uns servizos públicos próximos e eficientes e dispoñer de infraestruturas e equipamento tecnolóxico e moderno, axeitado ás necesidades asistenciais actuais e de futuro.

Ao mesmo tempo, a Xunta de Galicia segue a facer un importante esforzo por adecuar as helisuperficies destinadas a urxencias na Comunidade para que estean plenamente operativas e dispoñibles.

Neste caso, os principais beneficiados serán os arredor de 65.000 habitantes dos concellos aos que dá servizo Hospital da Barbanza ?os municipios de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira-, así como calquera persoa que poida ser trasladada ata el para recibir asistencia sanitaria.

Así mesmo, cómpre lembrar que a densidade de poboación desta zona costeira increméntase de forma significativa nos meses estivais, polo que a posta en marcha desta dotación permitirá o seu uso nunha época en que ademais a climatoloxía facilitará especialmente a súa utilización.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical