Ribeira, 11 de agosto de 2010.- A Xunta celebrará o xoves o Día Internacional da Xuventude desprazando ata Ribeira o tráiler da música. No escenario móbil, equipado con luces e son profesionais, actuarán tres grupos da zona da localidade coruñesa.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe as actividades que desenvolverá o departamento autonómico na vila da comarca de Barbanza para conmemorar a xornada dedicada á mocidade. O concerto celebrarase a partir das 22.00 horas no malecón e contará coa actuación de Jabón Blue, que presentará o seu novo disco; Agoraphobia, grupo de rapazas de Boiro e gañador do concurso Xuventude Crea do ano pasado de nivel autonómico, que está incluído no CD promocional que editou a Dirección Xeral de Xuventude; e ‘Entrelíneas’, que elixiu o Concello de Ribeira entre diversos grupos musicais noveis da zona que se presentaron a un concurso que convocou a propia Administración local.
Ademais do escenario, a Dirección Xeral de Xuventude instalará unha carpa de nove por nove metros onde se repartirá material promocional das actividades que está a desenvolver o departamento autonómico. Así, converterase nun punto de información para toda a mocidade que se desprace ata Ribeira.
A carpa inchable percorrerá durante todo o verán varias cidades e vilas galegas co obxectivo de dar a coñecer entre toda a xuventude de Galicia as diferentes actividades que para eles se están a organizar desde a Xunta de Galicia.
O tráiler da música cambiará de emprazamento ao día seguinte. Trasladarase ata Gondomar, onde tamén actuarán outros tres grupos da zona: Chotokoeu, gañador en 2009 do certame galego de creadores organizado pola Dirección Xeral de Xuventude; Jhonander e Amigos de Blas, grupos musicais noveis da zona. O concerto, ao igual que en Ribeira, comezará ás 22.00 horas e terá lugar no Parque das Ánimas do concello pontevedrés.
Rodeiro lembrou que esta iniciativa posta en marcha este verán por Xuventude ten como obxectivo principal dar unha oportunidade aos novos creadores e grupos noveis galegos para que poidan dar a coñecer os seus traballos.
O tráiler da música forma parte do programa “xuventudémúsica”, que se ocupa de canalizar as accións para a promoción da creatividade musical dos mozos mozas galegas. Esta acción naceu do Encontro de Música Xove 2010, que se celebrou en marzo e no que participaron máis dun cento de grupos de toda Galicia. Neste encontro, foron seleccionadas 10 bandas, coas que Xuventude editou 20.000 copias dun CD que está a ser repartido de xeito gratuíto nos principais concertos e festivais de verán.
Ademais da produción deste CD, o Encontro de Música Xove permitiu concluír que era preciso crear novas liñas de promoción da música en directo, un punto que os grupos noveis consideran esencial. Foi por isto que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado decidiu poñer en marcha este verán un programa piloto para levar a música dos novos creadores ás cidades e vilas galegas.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario