Laxe, Corcubión, Dumbría, A Baña, Dodro, Trazo, Boqueixón, Santiso, Toques, Vilasantar, Aranga, Mañón, Cerdido e San Sadurniño acollerán tamén os cursosXoán Manoel Sande inaugurou en Dodro o primeiro dos cursos do programa de formación de coidadores e coidadoras de persoas dependentes22/09/2010
O deputado responsable da área de Benestar Social, Xoán Manoel Sande, acompañado polo tenente alcalde de Dodro, Anxo Franco, a concelleira de Igualdade da localidade, Mª Vitoria Rei Mariño, e por Patricia Fraga Hermida, xerente de Servisol Servicios Sociosanitarios, inaugurou no centro de día de Laiño o primeiro dos cursos que se van realizar dentro do programa de formación de coidadores e coidadores de persoas en situación de dependencia.
Este programa que vén de organizar a Deputación da Coruña é un programa de servizos sociais aberto a todas aquelas persoas vinculadas directa e indirectamente ao coidado de persoas dependentes dos concellos participantes e que pretende facilitarlles ás persoas coidadoras uns coñecementos básicos e fundamentalmente prácticos, para mellorar os coidados das persoas en situación de dependencia.
O ámbito do proxecto recollerá á totalidade dos 24 concellos de menos de 5.000 habitantes que se interesaron por este e desenvolverá a súa actividade formativa nos concellos de Laxe, Corcubión, Dumbría, A Baña, Dodro, Trazo, Boqueixón, Santiso, Toques, Vilasantar, Aranga, Mañón, Cerdido e San Sadurniño, que funcionarán como ás diferentes sedes.
Segundo manifestou Xoán Manoel Sande, “este programa persegue mellorar a atención sociosanitaria das persoas en situación de dependencia, proporcionándolles aos seus coidadores os coñecementos básicos necesarios para unha acaída atención”.
Os cursos, que terán unha duración de 21 horas, tratarán sobre o desenvolvemento persoal das persoas coidadoras, as competencias e habilidades para o coidado, e os recursos existentes e redes sociais. Estes cursos, dirixidos a coidadores e coidadoras non profesionais dos concellos participantes no proxecto e concellos limítrofes independentemente de se están na rede de protección da dependencia ou non, desenvolveranse durante o último trimestre do ano.
Finalmente o deputado nacionalista, Xoán Manoel Sande quixo desexar “un exitoso desenvolvemento deste programa, e que as actividades deseñadas contribúan a mellorar a atención aos nosos maiores e a aquelas persoas en situación de dependencia, mais tamén a das propias coidadoras e coidadores”.
Tanto o tenente alcalde, Anxo Franco, como a concelleira Vitoria Rei quixeron destacar a importancia dos servizos socias e a necesidade destes programas de formación para un concello tan pequeno como o de Dodro. Neste senso Xoán Manoel Sande remarcou como dende a Deputación da Coruña e dende a área que preside se ten feito un importante esforzo de cara a incrementar o investimento en servizos sociais nos orzamentos deste ano.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario