17.9.10

Opinión: o nacionalista Anxo Franco despídese dos veciños de Dodro como tenente de alcalde


DEICA LOGO, DODRO

Escríbovos hoxe a todos os veciños e veciñas deste concello para despedirme como tenente alcalde. Deixo o meu posto de concelleiro para que outras persoas, con moitas ilusións e gañas continúen a labor do BNG no goberno municipal. Tiven a oportunidade de gobernar o concello onde nacín e vivo, e non hai maior orgullo para unha persoa que contar ca confianza dos seus veciños e veciñas, que vos, libremente, me déchedes hai máis de tres anos.

Neste tempo tomei centos de decisións, algunhas en cuestión de segundos, sen tempo para a reflexión. Seguro que errei varias veces. Por todas elas, as miñas desculpas. En calquera caso deixo o posto orgulloso do meu traballo á fronte do BNG no goberno municipal, xa que se aprecia que, no global, a xestión foi moi positiva, e as decisións máis importantes para o porvir do concello foron, na súa maioría, acertadas, e ás probas me remito. Basta con facer unha radiografía da situación política e social do noso concello antes da entrada do BNG no goberno municipal: O concello de Dodro estaba moitos anos por detrás dos concellos da nosa contorna, había unha parálise administrativa evidente. E, ao mesmo tempo, o goberno municipal estaba ausente e non encontraba solucións, na atualidade, gústelle ou non ao PP, quen gobernan son as persoas que os veciños e veciñas, libremente, elexiron precisamente para iso. E está a dar bos resultados: estamos a ofrecerlle servizos á cidadanía comúns, cando non superiores, aos que se ofertan noutros concellos.

Nas anteriores eleccións municipais propuxémonos gobernar para devolverlle a vida ás aldeas, ofertándolles os servizos necesarios –tamén de ocio e lecer– para incrementar a calidade de vida da veciñanza. Concretando en accións esta estratexia, dende a Concellaría de Cultura e Patrimonio creamos a Rede de Locais Culturais que permita a descentralización da oferta
cultural. Así, abrimos ao público o Local Cultural de Lestrove, a Escola de arriba de Imo e a Escola de Traxeito. E, en breve, tamén disfrutaremos da “Casa do Regadío”. Tamén melloramos o uso da biblioteca e ofertamos unha ampla e diversa oferta cultural: maxia, títeres, concertos, clases de música (gaita, guitarra, música e movemeto, etc.), magosto, entroido, cabalgata de reis, etc., recuperando, na medida do posible e en colaboración con outras asociacións, festas tradicionais.

En canto ao patrimonio, fixemos numerosas rehabilitacións e acondicionamento do seu entorno, a saber: a Eira da Malla en Bexo, os soutos de Manselle, Reboiras, de Vigo e de Revixós, o lavadoiros de Bexo, de Teaio, de Lestrove, de Revixós e de Manselle. Algunhas destas obras ainda non están finalizadas, e ainda queda moito por facer, pero só van alá tres anos.
En definitiva, moitas accións que siguen a estratexia que se marcou o BNG no goberno municipal: devolverlle a vida ás aldeas, con máis servizos, descentralizados, para o que é necesaria a Rede de Locais Culturais, e implicar neste obxectivo ás  asociacións e á veciñanza, porque só ca unión de todos podemos conseguilo. Levar a cabo todo isto non foi fácil. E máis cando se comeza de cero, sen ningunha estructura de traballo de gobernos anteriores e tampouco se dispón dos recursos necesarios para acometer estes proxectos como a un lle gustaría. Pero con moito esforzo e dedicación conseguiuse.
Benqueridos amigos e amigas, nestas datas anuncio a miña dimisión e polo tanto o meu abandono do mundo da política para atender a asuntos persoais e particulares. Deixo, polo tanto, o camiño emprendido a outras persoas con renovadas ilusións e ideas que van a continuar con este proxecto.

Anxo Franco Vidal

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical