9.9.10

Política: Xuventudes Socialistas denuncia o uso confesional da web do voluntariado galego

Barbanza-Noia, 9 de setembro de 2010. Xuventudes Socialistas de Galicia denuncia en nota de prensa que constatou que, dende antonte, a páxina en Internet coa que a Administración Pública autonómica apoia e coordina o voluntariado en Galicia "ten como evento máis destacado o recrutamento, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, de galegos para darlle a benvida ao Papa. Asimesmo, estase a realizar un mailing masivo dende o mencionado organismo coa mesma finalidade".

     María Torres, Secretaria Xeral da organización xuvenil socialista, considera que esta utilización dos medios e cartos públicos (parte ou non deses tres millóns que a Xunta dixo aportar á cita) “excede do que podería ser razoábel para un acontecemento que promocione Galicia, e entra de cheo nunha colaboración cos obxectivos proselitistas dunha determinada confesión relixiosa”, xa que a visita do Papa é un evento que, a diferenza doutros, como unhas olimpíadas, non debería precisar, na súa organización e loxística, de máis persoal do que o que poida aporta-la propia Igrexa Católica e os traballadores, propios ou alleos, das Administracións públicas. 

     Pola contra, manteñen dende este colectivo político xuvenil, "os termos do chamamento para o que a Xunta aproveitou a web www.voluntariadogalego.org semellan coincidir máis coa necesidade da xerarquía eclesial de dar unha imaxe do seu líder como guía moral mobilizador de masas, con vistas a fortalece-las súas posturas, cada vez máis reaccionarias, politizadas e coartantes de múltiples liberdades públicas”, segundo María Torres.

     Para Xuventudes Socialistas,  “A Delegación de Pastoral de Xuventude da arquidiocese compostelana, acaba de facer un chamamento case idéntico, tanto na mensaxe, como na data e as formas usadas. Se este é irreprochábel como parte da liberdade da Igrexa, o clon da Xunta de Núñez Feijóo constitúe un incumprimento do mandato constitucional de aconfesionalidade do Estado".

     Xuventudes Socialistas demanda porén da Xunta a retirada do devandito chamamento, ou a modificación e/ou aclaración das funcións concretas dos voluntarios, para que a súa presenza "serva só para un correcto desenvolvemento dun acto que pode servir de escaparate de Galicia, e non sexa usada para carrexar, dende unha institución pública, masas que presentar propagandísticamente como devotas dunha confesión relixiosa concreta".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical