19.10.10

Lousame: os traballadores da ecoplanta advirten que os concellos que non paguen terán o lixo acumulándose nas rúas

Os traballadores e o comité de empresa, indignados co alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, "quen lonxe de disipar as dúbidas sobre o seu futuro sementou aínda máis indignación ao anunciar que non se compromete nin co plan de viabilidade presentado pola Mancomunidade do Barbanza nin coa planta de tratamento de residuos sólidos urbanos (RSU). En xogo están 150 postos de traballo". Saíron ás seis da mañá para facer unha marcha de protesta ata Compostela.

Lousame, 19 de outubro de 2010. A marcha, que coincidía cunha xornada de folga que foi secundada polo 100% do cadro de persoal, entrou en Compostela a mediodía e percorreu as rúas da cidade para rematar cunha concentración diante da consellaría de medioambiente. Alí e de forma simbólica, os traballadores depositaron paquetes de plásticos, papeis e outros materiais reciclados coa lenda “Isto é o que facemos nós”. Ao seu carón, dentro dun bidón, depositaron todo tipo de materiais que queimaron ante un cartel no que se lía “Isto é o que facedes vós”.Esta mobilización convócase logo de que os representantes dos traballadores mantiveran reunións cos grupos parlamentarios (agás o PP), coa Mancomunidade -que se comprometeu a presentar diante da empresa un plan para saldar a débeda acumulada, a 31 de decembro de 2012- e coa Dirección Xeral de Calidade e Desenvolvemento Industrial.

Porén as dúbidas mantéñense ao estar pendentes de solventar os problemas con ECOEMBES, unha sociedade sen ánimo de lucro constituída por fabricantes de envases que pagan un cánon anual destinado á recuperación dos envases que producen.

O financiamento da pranta, a diferencia dos contratos “típicos” de concesionario público, poderíase entender como semipúblico con respecto aos ingresos, xa que se factura en torno dun 60% á Mancomunidade e un 40% a recuperadores (ECOEMBES, ECOVIDRIO, etc.). O 40% que se factura aos recuperadores depende do mercado e dos convenios autonómicos (de feito, o máis importante deles, o de ECOEMBES, estase a negociar entre dito organismo e a Xunta; ECOEMBES intenta levalo á baixa).

ECOEMBES decidiu unilateralmente non recoller un 70% do film (envase lixeiro) recuperado na planta argumentando que esta é a porcentaxe de film non adherida ao seu sistema. Unha decisión que supón un grave problema para a viabilidade da planta, xa que se financia nun 40% através dos recuperadores, e deste xeito perde uns 650.000 € anuais, e ao mesmo tempo xera un problema medioambiental ao acumularse este material na planta sen saída.

Con esta mobilización esixíanlle á Xunta a súa implicación, para que a través da Consellaría de Facenda se implique e garanta que a aquel concello que non pague se lle retirarán as cantidades adebedadas á Mancomunidade para facer fronte aos pagos. Alén diso, demandan que desde a Consellaría de Medio Ambiente se solvente o problema con ECOEMBES e se vele pola viabilidade do modelo de tratamento de RSU do Barbanza, sobre todo cando é o que mellor funciona no noso país.

Cómpre lembrar que o pasado 29 de xullo Fomento de Construcións e Contratas, FCC, empresa que xestiona desde o seu inicio a pranta de tratamento de RSU de Lousame presentaba a solicitude de resolución do contrato actualmente en vigor por impago da Mancomunidade. A débeda recoñecida por impago do cánon mensual ascende na actualidade aproximadamente a 2.700.000 €. Os concellos máis endebedados son os de Ames, Carnota e Noia, aínda que hai concellos que están ao día no pago.

Alén disto, aínda está sen resolver definitivamente o conflito existente co polvorín situado nas inmediacións da planta que por sentenza do TSXG obriga ao derrube da mesma. Todo un cúmulo de circunstancias que poñen en perigo o futuro e a viabilidade da Planta de Lousame. posible.

Mancomunidade do Barbanza

A Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza está integrada polos concellos de Pontecesures, Ames, Lousame, Brión, Noia, Muros, Porto do Son, Carnota e Rois, cunha poboación global de 85000 habitantes. En 2003 decidiu establecer un sistema de recollida e tratamento dos Residuos Sólidos Urbanos destes concellos, de xeito autónomo e diferenciado. O lixo recollido é tratado na Planta de Servia (concello de Lousame), cun sistema de tratamento húmido-seco, con separación de catro fraccións de residuos : fracción inorgánica (inclúe os envases), fracción orgánica (para a elaboración de compost), papel-cartón e vidro.

Desde ese ano, a planta de Lousame funciona con total normalidade, acadando uns excelentes resultados como modelo de xestión de RSU, e cuns niveis de reciclaxe que a sitúan á cabeza do estado español como a mellor planta de reciclaxe. A propia Xunta recoñece o éxito do proxecto do Barbanza, coa planta de reciclaxe e compostaxe de Lousame, que acada unha valorización material total (VTM) do 66,2%, fronte ao 34,1% de Nostián e ao 8,1% de SOGAMA.

Igualmente, o modelo de Lousame sigue todos os criterios medioambientais establecidos na Unión Europea, fronte a enorme problemática que representa o modelo de SOGAMA.

Para Paulo Rubido, secretario nacional de CIG-Servizos, o problema estaría solucionado se a administración xestionara directamente a planta “asumindo o seu carácter de servizo público, no canto de outorgarlle a concesión a unha empresa privada, que ten como único obxectivo é obter beneficios”.

Vía GalizaCig
Galería con máis imaxes da marcha (CC) aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical