A Pobra do Caramiñal, 1 de outubro de 2010. Perante a redución de profesorado e as carencias existentes no ensino público, "ás que o Concello da Pobra non é alleo", asegura o Bloque Nacionalista Galego, a deputada desta formación, Ana Pontón, vén de presentar no Parlamento Galego unha iniciativa para que se dote ao CEIP Pilar Maestú e ás catro unitarias cunha praza de Audición e Linguaxe coa que contaban desde hai varios anos pero que este curso, aínda que existe maior demanda de atención nesta especialidade, foi suprimida pola Consellería de Educación. Así mesmo reclama que se autorice a modificación do horario do colexio tal e como demandan os pais e nais. A isto hai que engadir os problemas coa calidade das augas que esixen unha renovación das tuberías e un adecuado tratamento das augas residuais, xa que se descoñece o destino das mesmas. Tamén demanda melloras nos peches perimetrais do CEP Salustiano Rey e do IES da Pobra para evitar os desperfectos nas instalacións. No caso do Salustiano Rey engádese a mellora do asfalto, iluminación e seguridade viaria no acceso ao centro así como a reposición do mobiliario de xogos infantís. Estas mesmas demandas foron trasladadas ao goberno municipal da Pobra para que inste á Consellería de Educación a acometelas. No mesmo escrito sinalan a inquietude observada entre os pais e nais ao descoñecer a continuidade do programa “Madrugadores”, destinado a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Tamén piden que se constitúa, "dunha vez por todas, o Consello Escolar Municipal e que se poña en marcha, o que facilitaría a solución a estes e outros problemas".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario