5.10.10

A Pobra: o Psoe denuncia que o goberno galego deteriora a Educación Pública no Barbanza

Os socialistas desvelaron que se está a recortar profesorado e non se atenden as demandas de nais e pais que piden melloras nos colexios. Presentan proposición non de lei no Parlamento para que se escoiten as demandas específicas das Anpas de A Pobra.

A Pobra, 5 de outubro de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage Tuñas presentou hoxe unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia co obxecto de que o goberno galego atenda as reivindicacións da comunidade educativa de A Pobra do Caramiñal. Lage Tuñas denunciou hoxe que “o goberno galego está deteriorando a educación pública no Barbanza, ao recortar profesorado e non atender as demandas das nais e pais que piden mellloras nas aulas dos centros educativos”. 

“Feijóo decidiu que o Gaiás era unha prioridade e a educación non, porque en época de crise as obras da cidade da cultura seguen adiante pero no ensino público o único que vemos son recortes, menos profesorado, menos infraestruturas, menos axudas, menos persoal de apoio”, explicaba hoxe José Manuel Lage nunha rolda de prensa na Pobra do Caramiñal.

O deputado do PSdeG-PSOE presentou hoxe unha proposición non de lei no parlamento “para que se escoiten as demandas das nais e pais da Pobra do Caramiñal que están vendo como Feijóo recorta profesorado e deteriora a calidade do ensino público”. Engadiu que ”Feijóo privilexia ao ensino privado ao mesmo tempo que fai recortes no ensino público, e á vista están os recortes, xa que só fai falta botar un ollo aos centros educativos da comarca para ver as dificultades que atravesan.”


”En A Pobra do Caramiñal, o goberno de Feijóo eliminou unha praza dun mestre de Audición e Linguaxe, sustituíndo este servizo por un profesor a media xornada e en horario de tarde, xusto cando menos horas de clase hai e cando máis alumnado o precisa”, explicou, co que "deixan sen atender a unha parte importante de nenos con necesidades especiais e que deberían contar co apoio e soporte dun especialista de Audición e Linguaxe”.

Dende o PSdeG-PSOE tramitaron hoxe unha proposta no parlamento “para que o goberno escoite as demandas da comunidade educativa de A Pobra do Caramiñal e quite a venda dos ollos”. Lage Tuñas di que “ademais do recorte do profesorado, temos que recordar o incumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, así como o fracaso do programa abalar, a existencia de graves deficiencias nas infraestructuras dos centros educativos ou a máis que discutible planificación dos centros plurilingües, o que deixa ver a verdadeira cara do Partido Popular no goberno de Galicia”.

Lage Tuñas recorda na súa iniciativa que “o Goberno galego vén de suprimir unha praza de especialista de Audición e Linguaxe, que no curso pasado atendía ao CEP Pilar Maestú Sierra e as escolas unitarias de Vilariño, A Angustia, A Ribeiriña e A Granxa, e dispuxo un profesor a media xornada, incumprindo a normativa de educación especial, o que impedirá que se atenda ao alumnado con necesidades especiais co número de horas suficiente.”

“Tamén en A Pobra, e concretamente no CEP Pilar Maestú Sierra sofren serias deficiencias relacionadas co transporte escolar. Este centro educativo aprobara a modificación do horario con arreglo ao disposto na normativa vixente e o goberno galego tamén rexeitou a petición da comunidade educativa.”

Deficiencias coa auga no Pilar Maestu


Noutro orde de cousas, os socialistas galegos tamén explican que “o mesmo colexio Pilar Maestú Sierra ten unha seria dificultade respecto da calidade das augas, precisando seguramente unha renovación das tuberías. A maiores cabe recordar que existe un problema engadido, o tratamento das augas residuais, xa que non conta con saneamento municipal.”

Dende o PSdeG-PSOE, Lage Tuñas espuxo hoxe que “nos centros educativos Salustiano Rey Eiras e no IES da Pobra do Caramiñal tamén existen problemas estructurais e precísanse de actuacións de mellora das súas infraestructuras, peche perimetral e zona de patio e xogos.”

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical