Ribeira, 3 de outubro de 2010. O ciclo de andainas "Ponte a Andar", que organizan conxuntamente a Cofradía da Dorna e o Concello de Ribeira, xa ten programadas as vindeiras datas das camiñadas, que serán, neste mes, o domingo 17 e no próximo, novembro, o domingo 21.
A do domingo 17 de outubro sairá ás dez da mañá da praia de Espiñeirido e percorrerá Lagoas e Furnas, con volta ao punto de orixe, na praia de Espiñeirido. A saída terá lugar dende o aparcadoiro do Chiringuito O Paraiso (lat. 42°36'9.87"N - 9° 3'35.05"O) na Praia de Espiñeirido, e transitarase pola costa, por enriba das pasarelas de madeira e camiños ata as Lagoas (e o miradoiro de aves) para chegar á Praia das Furnas. A do domingo 21 de novembro sae tamén ás dez do campo de fútbol de Palmeira (lat. 42°35'12.56"N - 8°58'12.49"O) e vai por Moldes, A Tomada e Chacín, con volta ao punto de partida. Nesta ruta haberá uns 4 quilómetros de subidiña inicial, que ainda que non son pronunciados e ben asumibles, convén ir prevenidoAs características destes roteiros son os seguintes: Teñen lugar o domingo pola mañá, con horario de saida ás 10:00 h. e chegada aproximada ás 12 do mediodía; a inscrición é libre e gratuita, non fai falla anotarse en ningún sitio, ainda que se agradece que notifique a asistencia pois dende a organización deben facer certas previsións; as distancias estarán entre os 10 e os 12 quilómetros, en función das particularidades do terreo polo que escorra a ruta; están dirixidas a tódolos públicos e non se precisa unha forma física excepcional, pero si unha boa disposición a camiñar (o ritmo de camiñata será de 4-5 km./h). Os únicos requisitos que se piden son puntualidade na hora da saída, e no lugar que se indica en cada ruta; roupa e calzado cómodo e apto para o tipo de actividade que se leva a cabo; algo de beber para o camiño, ou un recipiente no que poder portar líquido e atende-las intruccións dos monitores en cada ruta. Os nenos e menores de 16 anos deben ir acompañados dos pais ou tutores que se facerán responsables deles e lle notificarán ós monitores quén é o adulto que os tutela. Non se permiten animais de compañía.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario