A Pobra do Caramiñal, 30 de novembro de 2010. Cada 1 de decembro a ONU, a través do seu programa ONUSIDA, conmemora o Día Mundial da SIDA elaborando unha campaña a nivel mundial, á que se suman diversas institucións e administracións. Dende fai anos, o Concello da Pobra do Caramiñal a través das Concellerías de Sanidade e Servizos sociais, dirixida por Balbina Lojo Olveira e a Concellería de Xuventude, dirixida por Jesús Dieste, apoia esta campaña organizando unha serie de actividades dirixidas á poboación do concello e máis concretamente á xuventude, xa que é un dos grupos de maior risco de contaxio da SIDA. "Consideramos que a sensibilización e a prevención son os elementos claves na reducción da transmisión do VIH", explican dende estas concellerías pobrenses.
Este ano haberá as seguintes actividades:
- O día 1 de decembro, este mércores, poñerase unha mesa informativa no IES Francisco Barreras, con folletos e guías relacionadas coa prevención desta enfermidade, á vez que lazos e preservativos.
- Distribuiranse en varios pubs da localidade, onde soe ir a xuventude, lazos, folletos informativos e preservativos.
Dende a Concellería de Servizos Sociais, Balbina Lojo Olveira, pretende transmitir unha mensaxe de prevención entendida máis amplamente, cara á poboación en xeral e, sobre todo, cara á xuventude. "Facemos un chamamento á responsabilidade que temos cada un de nós no coidado da nosa saúde e a saúde dos demáis, animando a rexeitar as conductas de risco que poidan comprometer a nosa integridade, o futuro, ou o benestar fisico ou social. Invitamos á cidadanía a prender o lazo vermello, que é o simbolo mundial da solidariedade cos afectados", conclúe.
Proxecto "Vida Saudable"
Por outra banda, a concellería de Servizos Sociais informa tamén de que está aberto o parazo para inscribirse no proxecto "Vida Saudable". O programa dura cinco meses (de xaneiro a maio) e nel lévanse a cabo actividades de piscina que inclúen natación terapéutica, aquagym, ximnasia de mantemento, obradoiro de musicoterapia e roteiros de sendeirismo. Para inscribirse neste proxecto, que está subvencionado pola Deputación, hai que ter máis de 60 anos, residir e estar empadroado na Pobra. O prazo de inscrición remata o 30 de decembro. Os interesados deben achegarse ao Centro Sociocomunitario da Xunta, sito na rúa Castelao.
Servizo de Voluntariado
O día 5 de decembro celebrarase o Día do Voluntariado e desde a Concellería de Servizos Sociais do Concello da Pobra do Caramiñal animan "a todas as persoas que queiran facer deste mundo un lugar máis xusto e solidario, a que dean o paso e se fagan voluntarios, ofrecendo o seu tempo de lecer para mellorar a calidade de vida doutras persoas". Todas aquelas persoas que estean interesadas en solicitar información ou facerse voluntarias poden acudir ao CAD ou chamar ao teléfono 981107415.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario