Barbanza-Noia, 23 de decembro de 2010. Acaba de constituírse unha nova editorial galega, chamada Volta. Segundo os seus promotores, os ferroláns Pablo Portero e Fernando Fernández Rego, dous vellos coñecidos de Certo polas súas facetas cinematográfica e de analista musical respectivamente, "xurde coa idea principal de cubrir baleiros existentes no mundo editorial galego, dende a parte do mundo audiovisual sen poñernos límites ata o mundo da banda deseñada, a narrativa, música, o cinema, a fotografía e demais manifestacións artísticas".
Tamén está xa en periodo de lanzamento "Blues From a Gun: Secuencias Interiores", de Fernando F. Rego. Trátase dun percorrido a través do relato e a poesía "sobre as rexións máis escuras e evocadoras da nosa mente", segundo sinala o seu autor.
Obxectivos de Volta Editorial
Segundo explican na súa web, Volta Editorial funciona como catalizadora da creación cultural: "somos creadores de obxectos culturais que desprenden un aroma artesanal, ese recendo que teñen as cousas feitas coas mans con plena dedicación e cariño. Somos editores, si, pero por riba de todo, somos autores".
Gústanlles os libros visuais "e as imaxes que poidan condensar mil palabras distintas, porque queremos que os nosos che gusten a ti, e non á maioría. Temos que confiar no creador, que é o artista, e que á súa vez deposita a súa confianza en nós, porque este é o noso traballo nesta empresa. Sacar á luz produtos culturais de calidade, respectando ao autor, que sexan rendibles para todos e que ademais se movan nunha esfera de inquietude, creatividade e paixón, relacionada co cine, a literatura, a música, o audiovisual, a fotografía e tantas e tantas paixóns compartidas". Se es creador e cres que compartes estes obxectivos, os seus datos de contacto están na súa páxina web http://www.voltaevolta.com.
Se queres facer un agasallo por calquera motivo e cres que á agasallada lle interesesan produtos culturais novidosos, o catálogo de Volta Editores está aquí.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario