15.12.10

Dodro: presentado un manual do sistema operativo libre Ubuntu

Edítase en galego, a primeira lingua do estado na que ve a
luz, pois é unha traducción directa desde o inglés.

Dodro, 15 de decembro de 2010. O salón de actos da Casa de Cultura de Dodro acubillou onte a presentación da primeira edición do manual de Ubuntu en lingua galega. José Andrés Freire en representación da área TIC da USC e Vitoria Rei Mariño, tenenta de alcalde de Dodro, salientaron a súa satisfacción por ver o produto xa publicado e dispoñíbel para a súa distribución e uso por todo tipo de público. Tamén agradeceron o financiamento que se obtivo da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Vitoria Rei engadiu que esta publicación "demostra unha vez máis que en galego tamén estamos na vangarda: neste caso o noso idioma convírtese na mellor ferramenta para o acceso ás novas tecnoloxías".

Na presentación estivo tamén Miguel Branco Vázquez como presidente da asociación cultural Proxecto Trasno, quen fixo fincapé no interese de dar continuidade a este tipo de iniciativas en que polo interese xeral colaboran tanto a Administración como entes cívicos. Remataron a quenda de intervencións os responsables dos servizos técnicos do Concello e da USC implicados así como Miguel Bouzada, que representou aos tradutores voluntarios.

A obra "Comezar con Ubuntu 10.04", que agora sae editado en papel, é unha guía para principantes do sistema operativo Ubuntu. O manual, que tamén se pode obter de balde por Internet (http://ubuntu.usc.es/manual) axudaralle aos usuarios noveis a familiarizarse coas tarefas diarias deste potente sistema: navegar pola web, escoitar música ou escanear documentos. Destaca o doado de seguir as instrucións e é axeitado para todos os niveis de experiencia. Escrito cunha licenza de código aberto, o manual conta coa correspondente versión electrónica, accesible dende a web propia desta, que é de balde para descargar, ler, modificar e compartir (http://ubuntu.usc.es/manual).

Comezar con Ubuntu 10.04 é un proxecto de colaboración entre o  Concello de Dodro, a Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela e o colectivo cultural Proxecto Trasno, que forneceron o persoal técnico tanto lingüístico como informático e que chega ao soporte en papel financiado que se editan do libro, pola Deputación da Coruña, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvento Tecnolóxico de Galicia e a Xunta de Galicia, e que xa ten asegurado unha nova reimpresión ao abeiro do convenio cos grupos de usuarios de software libre coa SX de Modernización e Innovación Tecnolóxica da cal AC Trasno é asinante.

A tenenta de alcalde de Dodro tamén quixo salientar que "presentamos este traballo desde o un concello rural, o que demostra que hoxendía non hai fronteiras nin estamos dispostos a aceptalas en concellos como Dodro, situandonos á cabeza sen complexos tamén neste tema. Podemos decir que estamos a cumprir unha das premisas nacionalistas cando accedemos ó goberno municipal: poñer a Dodro no mapa, é máis, podemos dicir que poñemos a Dodro no mundo, neste caso a través da
Rede, construíndo país e traballando sempre en positivo”.

Considérase que tanto a implantación na rede de locais socioculturais do Concello de Dodro, as aulas libres da USC así como os cursos de formación da Asociación Trasno serán os primeiros en recibir este material. Sen dúbida a implantación do programa Abalar, por parte da Xunta de Galicia e baseado no mesmo sistema operativo, será unha fonte de demanda importante para este tipo de materiais e así se espera que se poida seguir mantendo actualizado de cara ao futuro, explicaron os promotores.

Sábado 18 de decembro

Por outra banda, este vindeiro sábado 18 a concellaría de Deportes de Dodro ten prevista unha xornada de solidaridade no pavillón polideportivo. Búscase que as veciñas e veciños leven alimentos non perecedeiros para unha campaña solidaria. Haberá un campionato de fútbol de 2x2 de 14:00 a 16:30, xogos con porterías inchables, unha clase de Cardio Dance, un partido de liga cadete de voleibol e unha gimkana en bicicleta para os máis pequenos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical