A portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón, anunciou hoxe que o BNG vai seguir presentando diferentes iniciativas ao longo deste curso político instando á Xunta a abandonar a súa política de “desleixo” e “desprezo” pola figura de Castelao e reparar a “inmensa débeda que temos con el e co seu pensamento”, para o que o goberno debe cumprir o acordo de declaración BIC do conxunto da súa obra e organizar unha exposición permanente na Cidade da Cultura.
Rianxo, 26 de xaneiro de 2011. Ana Pontón, no transcurso dunha rolda de prensa, asegurou que está fóra de toda dúbida a relevancia de Castelao e reivindicou a vixencia do seu pensamento e do seu traballo, “máis necesario ca nunca” perante todo o que está a acontecer en Galiza e no mundo, nun contexto de involución social e de perigosas tentativas recentralizadoras, “a obra de Castelao pode verter luz en moitos destes debates”.
Neste sentido, censurou as declaracións “insólitas” que se realizaron no pasado período de sesións por parte dos deputados do Partido Popular, que non só negaron o recoñecemento do 2011 como Ano Castelao senón que o xustificaron en base a que “Castelao era nacionalista”.
Asemade, insistiu en que o 2011 ten que ser considerado Ano Castelao e para iso ten que haber promoción e difusión da súa obra, para o que propón que a Cidade da Cultura albergue unha exposición permanente co máis representativo da súa obra plástica, deste xeito se vencella tamén a Cidade á cultura do País, pois reiterou que o seu papel debe ser acoller as figuras máis senlleiras da cultura galega.
Segundo a deputada, este comportamento "tampouco colle de sorpresa tendo en conta o papel que este goberno lle confire á promoción da cultura en xeral", e salientou como hoxe mesmo o DOG consuma a desaparición da dirección xeral de Promoción cultural do organigrama da Xunta, unha decisión que é toda unha “liña de ataque” á cultura galega e unha mostra de até onde está disposto a chegar o PP no que atinxe ao apoio e difusión dos creadores do País, “unha decisión –ademais- que non adoptou até o de agora ningún goberno do mundo”, concluiu.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario