Rianxo, 26 de xaneiro de 2011. O Bng de Rianxo informa que se celebrou o martes 25 de xaneiro na sede comarcal unha rolda de prensa coa participación de todos os grupos municipais do BNG da comarca e co parlamentario Bieito Lobeira. O motivo: dar conta da espectacular subida coa que a Consellería do Mar do PP agasalla aos bateeiros que lles toque renovar as súas concesións. Un proceso que repiten cada dez anos e que agora vai supoñer subas de até os 15.000 euros. Hoxe pagan arredor de cento cincoenta euros mais comprobarán que se vai multiplicar por moito para acadar unhas cantidades que van dos oito aos quince mil euros. "Esta é a desagradábel sorpresa que se van encontrar os donos que teñan que realizar hoxe os trámites", explicaron no Bng.
O BNG xa reaxiu no Parlamento Galego presentando unha iniciativa que dea cordura aos responsábeis de pesca do PP para que dunha vez por todas apoien ao sector mexilloeiro, básico para a economía da ría de Arousa enteira e en especial para Rianxo. Neste senso demandan a adopción das medidas necesarias para corrixir estas tarifas tornando ás cantidades medias que se liquidaban.
"Ao golpe que está a supoñer a entrada masiva de produto chileno na conserva engádese esta outra coitelada polas costas aos bateeiros", conclúen os nacionalistas.
Retirada de axudas a mariscadoras a pé
Na rolda de pensa Bieito Lobeira tamén se referiu a outro sector fundamental para a economía do Barbanza como son as mariscadoras de a pé, tamén premiadas polo PP coa retirada das axudas asistenciais para maiores de 65 anos instauradas polo bipartito e que son agora "caprichosamente suprimidas". Unhas mil mulleres estarían afectadas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario