11.1.11

Lingua galega: "Bocaberta" trae as súas actividades a vindeira semana a Muros, Lousame e Dodro

Lousame, 11 de xaneiro de 2011. O programa de Política Lingüística Bocaberta, que organiza a Xunta para os máis pequenos, traerá as súas actividades esta vindeira semana a Lousame e Muros.

En concreto, o martes 18 de xaneiro, ás dez da mañá, represéntase "Ti creas a historia" no colexio de Lousame. O xoves 20 de xaneiro, será no colexio de Dodro, ás doce da mañá.

Ti creas a historia

ANXO FARIÑA | Ti creas a historia

Os segredos da creación literaria serán desvelados no obradoiro Ti creas a historia da man de Anxo Fariña, escritor e ilustrador da famosa saga xuvenil Os Megatoxos.

A partir da historia de Os Megatoxos e o aprendiz de druída, o seu autor conducirá un obradoiro-conferencia, cheo de humor e contidos educativos, no que lles dará unha receita aos asistentes para crear unha boa historia, a súa propia historia.

Un proceso que se poderá seguir no blog www.megatoxos.com e que culminará coa creación dunha historieta baseada nas ideas recollidas entre os rapaces e rapazas.

12 anos.

Xa en Muros, a actividade chámase "En clave de conto" e vaise representar dous días. O primeiro día será no auditorio, en concreto este sábado 15 de xaneiro, ás seis da tarde, e o segundo día será na biblioteca municipal, o venres 21 de xaneiro, ás seis e media.

En clave de conto

OQO / En clave de conto

En clave de conto mestura música, literatura e ilustración para educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a nosa lingua.

Por unha banda, os obradoiros Eu falo así parten da canción “Cri-cri”, do disco A nena e o grilo, para identificar as distintas linguas nas que se canta o tema (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro...) e o seu idioma principal, o galego. Por outro lado, músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio participan no concerto-espectáculo A nena e o grilo, que amosa como a trama argumental dun conto pode ser representada e enriquecida desde o plano sonoro e lingüístico.

Dirixido a escolares de infantil e primaria e público xeral, cada asistente será agasallado cun exemplar do libro-CD que inspira as actividades.

Dos 5 aos 8 anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical