Fotografía da enseada de Boiro coa situación dos portos de Escarabote (arriba), Pobra do Caramiñal (esquerda) e Cabo de Cruz (dereita). O lado máis longo do triángulo ten menos de 4,5 km. Imaxen obtida do Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://sigpac.mapa.es/fega/visor)
Barbanza, 31 de xaneiro de 2011. A SGHN vén de denunciar na súa web a lentitude con que se implantan as necesarias -e reclamadas xa varias veces por Europa- depuradoras nas rías galegas mentres os proxectos de Portos de Galicia para encher de portos deportivos o litoral avanzan a toda velocidade. "Como recoñece expresamente o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, na nosa beiramar aínda faltan por poñer en marcha 22 das 91 depuradoras de augas residuais precisas para que a calidade das augas acade os niveis exisibles no século XXI nun pais da Unión Europea, mentres que na actualidade hai xa 11.600 puntos de amarre para embarcacións deportivas", explica a SGHN. "Mentres os proxectos de depuradoras se eternizan, os de embarcacións deportivas avanzan rápidamente, como mostran os dous proxectos presentados no último mes para construir un en Escarabote e outro en Cabo de Cruz, con 170 e 194 prazas de amarre, respectivamente, para embarcacións de ata 16 metros de eslora", argumentaPorto de Escarabote, en Boiro. Vista xeral.A SGHN vén de presentar as seguintes alegacións ós proxectos de ambos portos deportivos. Nelas piden o seguinte: 1. Que os proxectos se adapten ás disposicións contempladas no Plan de Ordenación do Litoral e sexa sometido a Avaliación de Impacto Ambiental.
2. Que os correspondentes estudios de AIA avalíen en detalle os efectos do proxecto sobre:
* A dinámica das correntes na enseada de Boiro.
* Os bancos marisqueiros Z3-C41-01 praia de Barraña e Z3-C41-01 banco de Barraña.
* A zona de baño “Praia de Barraña”.
* As comunidades de aves acuáticas que empregan a enseada de Boiro como lugar de invernada e repouso durante os pasos migratorios.
* As necesidades presentes e futuras da flota de baixura e de servicio ós polígonos de producción de moluscos.
3. Que os estudios de AIA xustifiquen a necesidade dun porto deportivo en Cabo de Cruz e outro en Escarabote, tendo en conta a existencia doutro na Pobra do Caramiñal, a menos de 4,5 km de distancia.
4. Que os correspondentes estudios de AIA avalíen, a precios actuais, o importe dos fondos públicos investidos nos portos de Cabo de Cruz e Escarabote para fins pesqueiros, especifique si ditos investimentos incluían ou non fondos europeos (con detalle do programa e da cofinanciación) e cuantifique a porcentaxe dos mesmos que finalmente acabarían adicados a amarre de embarcacións de recreo particulares (de ata 16 m de eslora) no caso de levarse adiante o proxecto.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario