27.1.11

Ribeira: alumnos de danza contemporánea das escolas municipais de Porto do Son e Ribeira, este domingo 30 no Festival de Inverno

Ribeira, 27 de xaneiro de 2011. Este domingo, día 30 de xaneiro, a partir das 20 horas, o Auditorio Municipal vai ser escenario dun Festival de Inverno de Danza Contemporánea organizado pola Concellería de Cultura e Festexos do Concello de Ribeira, en colaboración coa Escola Municipal Anduriña de Porto do Son. Para falar dos detalles desta actividade estiveron hoxe o edil Luciano Fernández e o profesor da Escola Municipal de Danza Contemporánea ribeirense, Vicente Colomer. 

No festival participarán alumnos da devandita Escola Municipal de Danza Contemporánea ribeirense e estudantes da Escola Municipal Anduriña de Porto do Son. Segundo Vicente Colomer, propíciase así a posibilidade de que convivan e se coñezan os alumnos dun e doutro centro, ademais de permitirlles un achegamento máis directo ás táboas, de tal xeito que non haxa que esperar a rematar o curso para comprobar o traballo desenvolvido ao longo de todo o ano. 

Todas as coreografías son orixinais das escolas e están asinadas por Vicente Colomer e pola Nova Galega de Danza, grupo do que é cofundador. Será un repertorio onde se amose un estilo de danza tradicional pasado polo tamiz da danza contemporánea. 

Luciano Fernández fixo fincapé no excelente labor que están a despregar as dúas Escolas Municipais de Danza existentes en Ribeira (a de Danza Contemporánea e a da de Danza Clásica, que contan en conxunto con máis de 100 alumnos)  para divulgar esta disciplina artística entre a sociedade do municipio. 

A entrada será gratuíta e libre ata cubrir aforo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical