7.2.11

Dodro: a limpeza dos petróglifos de Bouza-Abadín continúa o sábado 12 de febreiro e agárdanse novas sorpresas

Dez voluntarios participaron na xornada do sábado pasado, que se viron gratificados coa descuberta de gravuras non inventariadas aínda. Os arqueólogos responsables agardan novas sorpresas conforme se remate totalmente a limpeza desta área de petróglifos. Podes anotarte a limpalos ata o venres 11 de febreiro ás dúas da tarde.

Dodro, 7 de febreiro de 2011. O pasado sábado 5 de febreiro deron comezo os traballos de limpeza e acondicionamento do petróglifo de Bouza Abadín (ubicados en Imo, San Xoán de Laíño). Xa nos días previos, a mancomunidade de montes Cruz do Avelán, propietaria do terreos, procedeu á tala dos piñeiros do entorno do xacemento, baixo o preceptivo control arqueolóxico.

O sábado pasado fíxose, por unha banda, o rozado do monte baixo que se estendía polo afloramento rochoso onde se insiren as gravuras prehistóricas asi como no seu entorno inmediato; e, doutra banda, o da limpeza das propias rochas, coa eliminación do solo orgánico formado sobre elas e a capa de musgo que as cubría, sendo esta parte do traballo executada co máximo respecto ás superficies rochosas co fin de evitar sobre elas calquera abrasión indebida.

Participaron no traballos un total de dez voluntarios e voluntarias, tanto do propio concello de Dodro como tamén de concellos próximos (Rianxo, A Estrada), e de diferentes idades. O equipo, que amosou en todo momento un grande entusismo e interese na actuación, traballou baixo a correspondente dirección e supervisión técnica arqueolóxica.

Os resultados desta primeira actuación foron moi alentadores, segundo informou o Concello de Dodro, "ao saír á luz gravados rupestres que non estaban incluídos no croquis recollido no Inventario Xeral de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia. Espéranse aínda máis sorpresas a medida que sigan avanzando os traballos de limpeza".

As gravuras que se están a pór ao descuberto son de grande interese histórico-arqueolóxico e vense nelas complexas figuras de círculos concéntricos e coviñas, cérvidos e cruces que son motivos característicos da Idade do Bronce, hai 4000 anos, período prehistórico no que se encadra a orixe deste achado.

A actuación terá continuidade o vindeiro sábado 12 de febreiro, seguindo os mesmos parámetros que na actuación anterior, é dicir, convocarase de novo a voluntarios para a realización dos traballos. Os interesados deberán chamar ao teléfono da Casa da Cultura de Dodro (981 802472) ou presentarse nas oficinas en horario de mañá (Tallós nº 28, 15981, Dodro), para poñerse en contacto coa persoa respondable, Beatriz Pereiras. O prazo final para apuntarse será o venres 11 de febreiro ás 14:00 horas. Continuarase coa limpeza do afloramento rochoso (retirada da terra e do musgo que tapan as rochas) e a retirada da vexetación do entorno inmediato ao afloramento. O horario de traballo será de 10:00 a 18:30, con parada ao mediodía para xantar. As persoas voluntarias deberán presentarse no mesmo lugar do xacemento da Bouza Badín o sábado 12 de febreiro ás 10:00 da mañá.

As persoas que vaian participar neste proxecto deberán vir equipados, na medida do posible, co seguinte material: luvas de traballo, roupa e calzado adecuado de campo, roupa de augas, sachos ou legoñas ou algo similar para cavar e tamén axudan as tesoiras de podar.

Vía

Antes anunciamos:

petróglifo Bouza-Abadín en Imo Dodro
Limpeza de petróglifo: o sábado 5 de febreiro en Imo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical