23.3.11

Boiro: o sábado 26 de marzo inaugúranse un aparcadoiro e pistas de skate

Boiro, 23 de marzo de 2011. O Concello de Boiro non podía ser alleo tampouco á febre inauguradora desta semana, a última en que se poden facer este tipo de actos vistosos para os políticos e innecesarios para os veciños. Este sábado, Xosé Deira,  alcalde de Boiro, inaugurará ás catro e media da tarde a nova área dotacional e aparcadoiro na Avenida da Constitución, un espazo público bautizado como Praza Boqueira de “A Negral”, de acordo coa decisión adoptada no último pleno celebrado pola corporación municipal, e que inclúe servizos como aparcadoiro e novidosas pistas de “skate”.

Os novos servizos están ubicados nunha parcela de preto de 9.000 metros cadrados, na confluencia das rúas Constitución e Avellaneda, e consisten en equipamentos públicos como o aparcadoiro para autobuses, que conta con 5 prazas; marquesiñas; as pistas de “skate”; un espazo ao aire libre que pode aloxar a celebración de festas e outros actos, así como un soto para aparcamento de vehículos con capacidade para algo máis de cen prazas, dotado dos equipamentos correspondentes (vestiarios, aseos, etc.).

Esta actuación, dividida en dúas fases, foi financiada integramente con fondos FEIL 2009 e FEESL 2010, do Goberno Central, e superou os 2,3 millóns de euros.

O deporte ocupa un lugar destacado na xornada inaugural, que está estruturada do seguinte xeito:

13.30 h. Chegada a Boiro (diante da Cachada) do grupo de afeccionados ao  BMX de Cangas, Bueu e Vigo. Encontro cos rapaces de Boiro e Vilagarcía  afeccionados ao “skate”.  

16.00 h. Torneo de tenis: de 16:00 h. ás 20:00 h. 

16.00 h. Grupo de BMX nas pistas deportivas. 

16.00 h. Gimcana ciclista: de 16:00 h. ás 18:00 h 

16.30 h Comezo do acto institucional. Discursos, descubrimento de placa e percorrido  das autoridades polas instalacións. 

20.00 horas. Remate das actividades deportivas.

Outras convocatorias:

Por outra banda, este venres 25, o concelleiro Xoán León dará explicacións da tramitación de licencias en Boiro e valorará o último informe sobre a construción do Colexio de Arquitectos de Galicia no que atinxe a Boiro.

O mesmo venres, xa pola tarde, será presentada a programación de Semana Santa. Ás oito e media da tarde no centro social. Organiza parroquia de Santa Baia e Irmandade do Cristo da Misericordia. Estarán o alcalde, o concelleiro de cultura e o Irmán Maior (da confraría, non deles), Joaquín Núñez Hermo.


Pode que lle interese tamén:


Á luz das palabras: este sábado 26, con Ferrín e Moralejo


Aniversario: Aturuxo celébrao ao grande o 25 e 26


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical