28.3.11

Ribeira: o alcaldable do PP cre que a nova lonxa comezará a remodelar a fachada marítima ribeirense

Ribeira, 28 de marzo de 2011.- O mal tempo reinante durante a tarde do sábado impediu que o acto “Dúas horas de cultura e lecer con Manolo Ruiz” se celebrase no parque de García Bayón, pero non evitou que un bo número de veciños e veciñas da cidade acudiran a un emprazamento alternativo á resgardo da chuvia: o salón de actos do Instituto Social da Mariña, na praza dos Mariñeiros, lugar onde unha das cuestións que máis interese suscitou entre os asistentes tivo que ver coa Nova Lonxa de Ribeira.

Así, en resposta a preguntas dos presentes sobre o que suporá para o concello esta nova infraestrutura, o candidato á Alcaldía polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, explicou que a posta en marcha da Nova Lonxa debe supoñer un antes e un despois no que á comercialización de produtos pesqueiros e marisqueiros se refire. “Ribeira vai disfrutar da mellor lonxa de España e incluso de Europa, e isto ten que servir de espaldarazo anímico para o noso sector do mar, tan maltratado por outras Administracións, pero sobre todo se ten que erixir nun polo de atracción para os axentes económicos capaces de dinamizar este sector”. 

O candidato popular fixo fincapé nos moitos postos de traballo que se xerarán en Riveira a raíz da Nova Lonxa, sen ter en conta os máis de 150 empregos directos que traballarán simultaneamente mentres se prolongue o proceso construtivo nos próximos tres anos.

Fachada marítima

Pero Manuel Ruiz foi máis aló e declarou que “este inmoble funcional e de vangarda vai ser o primeiro paso cara á remodelación da fachada marítima da cidade”. Neste sentido, o candidato popular lembrou que o inmoble vai ocupar tres veces máis de espazo que a lonxa actual, ata alcanzar os 17.000 metros cadrados de superficie, e isto permitirá, ao seu xuízo, a liberación de solo portuario para a realización de importantes actuacións municipais. 

“A Lonxa ten que ser a primeira peza do puzzle para cambiar o futuro de Riveira”, declarou, e puxo como o exemplo de actuacións que se derivarán desta infraestrutura a creación de novos accesos dende o paseo das Carolinas (“unha actuación que nos vai permitir unha remodelación integral de toda esta zona”) ou a firma de convenios que permitan o paso a dominio municipal de moitos edificios hoxe emprazados en territorio de competencia portuaria. 

Novo mercado

Así mesmo, Ruiz Rivas opinou que outra das zonas da cidade que deben rexistrar unha profunda reordenación é a da avenida do Malecón de tal xeito que se aproveite o inmenso potencial turístico desta zona, unha das máis fermosas da cidade. 

Neste punto, tamén se quixo referir ao Novo Mercado:  outro proxecto vangardista que incidirá moi positivamente na mellora arquitectónica da fachada de Ribeira, e que gardará contacto visual coa Nova Lonxa “pechando simbolicamente o ciclo de comercialización dos produtos gastronómicos e alimentarios que máis nos identifican aos riveirenses”.

Como corolario a todo o expresado, o candidato comprometeuse a que nos próximos días presentará  publicamente unha proposta de actuación con miras á mellora da fachada da cidade.

Por último, o candidato lembrou outras actuacións contempladas no seu plan de recuperación do litoral, como a mellora ou ampliación de paseos marítimos e pasarelas ambientais en todo o concello: actuacións todas elas que servirán para fortalecer a imaxe turística do municipio.

Relacionadas:


Precampaña: a nova lonxa, para este ano primeiras obras, disque


Praza de abastos: presentado o novo deseño



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical