Organiza Verdegaia e Salva la selva
Será no Centro Social ás oito da tarde este venres 27 de maioBoiro, 24 de maio de 2011. Logo da polémica xerada pola instalación de gaiolas de salmón, disque en fase de experimentación, no polígono bateeiro Muros C, fronte á praia de San Francisco, a asociación ecoloxista VerdeGaia está a levar por toda Galicia un documental no que se expoñen os problemas medioambientais deste tipo de instalacións. Segundo Verdegaia, "hai centos de estudos científicos que proban que a salmonicultura afecta gravemente ao medio mariño e á economía e as condicións sociais e laborais das persoas que viven nas áreas de influencia desta industria. Entre outros podemos destacar os seguintes problemas: -
O salmón é un peixe carnívoro polo que a súa alimentación baséase en fariñas e aceites de peixe polo menos nun 60%. Estes pensos elabóranse con peixes de pouco valor comercial, que non biolóxico e adoitan pescarse nos caladoiros dos países máis empobrecidos, como os do litoral africano, afectando directamente aos recursos pesqueiros dispoñibeis para a poboación e a súa soberanía alimentar. Este tipo de pesca inclúe tamén grandes cantidades de inmaturos doutras especies, agravando a sobreexplotación do mar no lugar de reducila, como afirman os adaís da acuicultura. Aínda que North West Food s.l. (NWF), empresa promotora das gaiolas, afirma que a taxa de conversión (kg de peixe en penso precisos para producir un kg de salmón) é de 1,2, estudos realizados en Chile (unha das maiores potencias en salmonicultura) sinalan que se sitúa entre 2,9 e 4,2 kg por quilo de salmón1
-
As granxas de salmón son concentracións de grandes poboacións de peixe que facilitan a propagación de parasitos, como o piollo de mar, que infectan aos salmónidos salvaxes e que están a poñer en perigo a súa supervivencia. O escape de salmóns convértese tamén nunha ameaza sobre estes salmónidos salvaxes, poñendo en perigo a súa selección natural e contribuíndo á transmisión de enfermidades e parasitos2.
-
O uso de químicos e antibióticos supón un serio risco para a saúde e o ambiente, en primeiro lugar porque o uso sistemático crea cepas bacterianas resistentes, e en segundo pola acumulación nas vísceras dos propios peixes. Podendo chegar a facelos non aptos para o consumo
-
A inmensa cantidade de refugallos que xera o alimento non inxerido, os residuos fecais dos peixes e a súa sangue e vísceras, e o precario manexo sanitario que favorece o aumento de enfermidades e a súa propagación, afectando aos ecosistemas mariños. Así, tal como recoñece North West Food S.L en torno ao 10% do penso administrado aos peixes non é inxerido, pasando ao medio. Mais este dato hai que contemplalo dende a óptica dos elementos que chegan ao medio mariño a través da comida, excrecións dos peixes e respiración que son en torno ao 85 % do fósforo, 80 % do carbono e 52 % do nitróxeno introducido nas gaiolas
-
As consecuencias da explosiva expansión da salmonicultura en termos socio-laborais son motivo de crecentes conflitos polo uso do territorio con outros actores locais (como o uso recreativo do mar, a pesca artesanal e o marisqueo). Neste aspecto o balanzo é negativo, e moito máis se abrimos a ollada globalmente e vemos a incidencia que a pesca intensiva para producir fariñas de peixe ten sobre poboacións desfavorecidas do continente africano.
Esta reiteración no apoio á acuicultura industrial por parte da Xunta de Galicia non ten en conta ningún dos factores que aconsellan freala e reorientar o sector cara especies, dimensións e métodos de produción máis sustentábeis fai parte dunha estratexia de maior calado. A administración teima en facer do noso litoral un couto privado para as grandes empresas do ramo, sen respectar tan sequera a legalidade vixente, de por si bastante cativa, no canto ás figuras de protección ambiental hoxe en día establecidas no noso territorio. Velaí, xa que logo, o novo Plano de acuicultura que ven de comenzar a súa andaina administrativa camiño da súa aprobación e os reiterados anuncios por parte da Consellaría do Mar sobre a recuperacións do proxecto de macropiscifactoría en Cabo Touriñán, espazo LIC protexido dentro da Rede Natura.
Mais esta teimuda reiteración a prol da acuicultura ven acompañada de medidas e desleixos que condenan ao abandono as poucas iniciativas novidosas e sustentábeis xurdidas dende o propio mundo da pesca de baixura como son as reservas Mariñas de Lira e Cedeira. Non se entende que uns proxectos que teñen amosado no tempo a súa eficacia, que supoñen manter unha fonte de ingresos estábeis e con futuro para moitas familias, se vexan camiño da desaparición polo desleixo da administración galega, namentres envorca millóns de euros en subvencionar a instalación de empresas acuícolas no territorio, cuns réditos de emprego realmente pequenos e cun impacto ambiental moi importante.
Aplicar todos estes orzamentos en promover e apoiar unha explotación e xestión sustentábel dos recursos mariños mediante o apoio a prácticas e proxectos que realmente creen emprego no litoral, que permitan un uso racional deste imprescindíbel recurso, sen sobreexplotación, respectando ciclos e cotas e cunha aposta forte pola conservación e recuperación terían maiores réditos e unha maior incidencia positiva na poboación do litoral e no conxunto da cidadanía".
Web de referencia:
O mesmo día, en Porto do Son:
- Encontro do Audiovisual Galego: este venres 27 de maio, Leixaprén ao pai de Flocos.tv
O mesmo día, en Rianxo:
- Libro: o 27 de maio, presentación
O mesmo día, en Ribeira:
Salmón: a culpa das gaiolas tamén é do Bipartito, di a Xunta
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario