Lousame, 3 de maio de 2011. O BNG de Muros e Noia expresou hoxe en nota de prensa "a preocupación pola situación creada en varios concellos da nosa comarca gobernados polo Partido Popular por mor da “Operación Orquestra”. Debemos lembrar que tanto o alcalde como o tenente de alcalde de Mazaricos, José Manuel Santos Maneiro e Manuel Rodríguez, están imputados por varios delitos de malversación, tráfico de influencias e suborno. Recentemente, soubemos tamén polo sumario desta operación que varios alcaldes do Partido Popular, entre eles o de Lousame, Santiago Freire, participaron en xantares organizados polos construtores imputados no sumario".
Os nacionalistas, e en concreto o seu líder en Muros-Noia, Manuel González -na imaxe- aseguran que nestes momentos, "á luz do que imos coñecendo, temos que dicir que falar do Partido Popular nalgúns concellos da nosa comarca máis parece sinónimo de corrupción que de gobernos decentes. Do mesmo xeito, en particular os veciños de Mazaricos teñen o dereito a saber que no momento en que se produza unha condena dos actuais alcalde ou tenente de alcalde do Partido Popular, estes terán que deixar de xeito inmediato as súas actas de edís, aínda que dita condena non sexa firme, tal e como establece a actual Lei Orgánica de Réxime Electoral. Dende o BNG agardamos que finalmente a xustiza actúe depurando as responsabilidades que puideran existir e que situacións como as que se están a vivir non se volvan repetir na nosa comarca".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario