A Pobra do Caramiñal, 9 de maio de 2011. Un grupo de profesores e alumnos do IES de Pobra do Caramiñal veñen de pasar 10 días visitando o Lapiai Basic School en Klaipeda, Lituania, dentro do proxecto Comenius de 2 anos que están a desenvolver con outros centros de Grecia, Bélxica e Italia.
Nestes días foron recibidos polo alcalde da localidade de Garzdai e percorreron os lugares mais salientables da rexión, como Klaipeda, importante porto de mar, ou a área paisaxística de Nida. "Pero, sobre todo, tivemos ocasión de convivir con profesores e alumnos de varias nacionalidades e cas familias locais, compartir experiencias, intercambiar coñecementos e aprender novos xeitos de vivir o ensino", explicaron os participantes, que confesan que foron "xornadas moi intensas nas que os alumnos de cada centro presentaron traballos xenéricos sobre o seu entorno e sistema educativo, así como outros específicos sobre o tema central do proxecto, (Let´s eat History), no que cada escola estuda un producto representativo da súa área xeográfica. O IES de Pobra do Caramiñal centrouse no mexillón, a súa bioloxía, e a súa importancia histórica, económica e social na comarca".
Degustación de mexillóns
Tamén ofreceron aos outros participantes una degustación de mexillón en conserva aportada a tal efecto por unha empresa local, e que os integrantes do grupo se encargaron de transportar ata Lituania, xuntamente cos obsequios cedidos por Arousa Norte, a Deputación de A Coruña, Consello Regulador do Mexillón de Galicia e Turgalicia, sorteando como poideron os controis de exceso de equipaxe , o cal, aseguran, non foi doado.
O longo viaxe, así como as poucas horas adicadas ó sono, e as emocións intensas, teñen esgotado as súas enerxías, aseguraron; pero todos eles aseguran que pagou a pena, en particular as alumnas participantes Laura, Sara, Chen e Isabel voltan encantadas da hospitalidade e do trato recibidos, e dunha chea de novas amizades coas que pensan seguir en contacto , e ás que lles gustaría volver a atopar nos encontros previstos para o vindeiro curso.
Agora queda voltar ás clases, recuperar os temas impartidos na súa ausencia, e intentar transmitir ós seus compañeiros e compañeiras ese espírito europeo do que veñen todos de estar inmersos estes días.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario