31.5.11

Rianxo: o Festival Antrospinos convoca certame para elaborar o cartel da cuarta edición

Media_httpfarm5static_gebjh

O cartel da III Edición era así

Rianxo, 31 de maio de 2011. A asociación cultural AntrosPinos, que organiza o festival do mesmo nome en Taragoña, vén de convocar un certame para deseñar o cartel da vindeira edición, que será a cuarta.

O cartel será de estilo libre e poderá vincularse con música, ecoloxía, cultura galega, verán, mar, natureza ou Rianxo. Estes termos só pretenden ser orientativos, afirman os organizadores. Unha vez realizada a obra, deberá enviarse ao enderezo electrónico festivalantrospinos@gmail.com en formato PDF, xunto co nome completo do autor, un número de contacto e enderezo-e. A participación é aberta a todas as persoas que o desexen. O prazo para enviar os traballos está aberto ata o luns 20 de xuño.

Requisito: O deseño debe conter o seguinte texto: "Festival Antrospinos 2011. Capítulo 4. 29 e 30 de xullo. Taragoña, Rianxo". Na orde, colocación e forma que se considere.

PREMIO: O deseño elixido pasará ser o CARTEL DO FAP 2011. Distribuirase por unha ampla zona da xeografía galega, figurando nel o nome do seu autor ou autora. Ademais faráselle un recoñecemento o sábado 30 de xullo, coincidindo co Festival, con entrega de agasallo.
 
O Festival Antrospinos é un acontecemento musical que se celebra cada última fin de semana de xullo en Taragoña, Concello de Rianxo, desde hai catro anos. Nel xúntanse diferentes estilos musicais que van desde o folk ao ska, pasando pola música de fusión ou o rock galego. Enxebrismo e modernidade van da man neste evento organizado pola asociación do mesmo nome, sen ánimo de lucro, cuxos obxectivos son tamén outras actividades a realizar durante o ano de carácter cultural, ecolóxico e de recuperación das tradicións.

Para saber máis do Festival Antrospinos consulte a páxina web www.festivalantrospinos.es ou búsquenos en Facebook http://www.facebook.com/#!/asociacionFAP
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical