Ribeira, 9 de xuño de 2011. Profesores dos IES Número 1 e Leliadoura de Ribeira e dos colexios de Frións e O Grupo achegáronse este mediodía ás novas instalacións do Arquivo Municipal, situadas no terceiro e cuarto andar da sede da Policía Local, para tomar parte nunha iniciativa do Concello de Riveira destinada a celebrar o Día Mundial dos Arquivos, que se conmemora hoxe 9 de xuño. Esta acción consistiu nunha visita dos docentes referidos na que o arquiveiro municipal de Ribeira, José Antonio Otero Sobrido, lles deu a coñecer o servizo e explicou as condicións do local e equipamento, algunhas características do traslado que se está a acometer desde a Casa do Concello, así como os plans de futuro para a dotación e os servizos que se pretenden ofrecer nas novas dependencias, nos que as novas tecnoloxías xogarán un papel importante. Ademais, no transcurso da visita mostróuselles unha serie de documentos singulares e históricos que se custodian no Arquivo, como un libro de rexistro de emigrantes riveirenses datado en 1913, unha investigación sobre presuntos carlistas de Corrubedo con data de 1875 ou un proxecto de urbanización do Campo do Frade (hoxe coñecido como praza do Concello) de 1937. Esta acción serviu para que os centros educativos coñezan de primeira man as características do Arquivo e vexan a viabilidade de organizar futuras visitas de grupos de estudantes, así como de fomentar posibles actuacións en común aproveitando as posibilidades do Patrimonio Documental de Ribeira. Pode que tamén lle interese:
Ateneo: presentan dous libros este sábado 11
Verán cultural: vexa toda a programación de 2011
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario