17.6.11

Ribeira: denuncian o achádego dun can morto a balinazos en Bretal

Ribeira, 17 de xuño de 2011. A Protectora de Animais "Moura", de Ribeira, vén de denunciar a aparición dun can asasinado a balinazos na zona de Bretal. Segundo explican fontes desta protectora, "o mércores 14 pola tarde recibimos a chamada dun veciño de Ribeira que nos avisaba sobre un can morte que se atopaba nunha beirarrúa de Bretal e que amosaba indicios de maltrato, xa que tiña un balinazo nunha das súas patas".

Logo do aviso, un dos representantes de Moura achegouse ata o lugar indicado pero xa o levara Protección Civil de Ribeira. Os de Moura puxéronse en contacto cunha das súas colaboradoras, que tamén traballa en Protección Civil, e tiveron a sorte de que ese día estaba de garda. Explicáronlle o caso e solicitaron examinar ao canciño.

O can era unha mestura de pastor alemán e o seu corpo estaba enchoupado en sangue. Ante a evidencia de atoparse ante un posible delito, os de Moura falaron cos de Protección Civil para trasladalo a un veterinario para que lle practicase unha necropsia e comprobar a causa da morte. En todo momento "contamos coa colaboración exemplar por parte de Protección Civil, que nos axudaron incluso no seu traslado", contan dende Moura.

"Aínda que os balíns non adoitan provocar a morte de animais deste tamaño, déronse casos puntuais nos que si, ao alcanzar os proxectís órganos vitais tras disparos a moi curta distancia. Tras un exame, o veterinario puido comprobar que un dos balíns que tiña aloxados no corpo traspasara a cavidade abdominal e lle producira unha hemorraxia interna que acabou coa vida do can. Iso demostraría que, alomenos ese balín, disparouse a moi curta distancia", conclúen en Moura, que foron presentar denuncia ante o Seprona de Noia co fin de que se realicen as investigacións correspondentes.

Antes, en Certo:


Fotodenuncia: cadáveres de raposos ao pé do Parque Natural


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical