12.7.11

Ribeira: propoñen unha dársena portuaria especializada en deportes náuticos

Reunin_alcalde_-_portos

  • Habería alí instalacións para vela, surf, remo e piragüismo, segundo lle propuxo hoxe o presidente de Portos ao alcalde
  • Sería a enclavada na zona norte, xunto á entrada ao porto pola beira do Club Náutico

Ribeira, 12 de xullo de 2011.- O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, e o presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana Gallo, mantiveron esta tarde unha primeira toma de contacto institucional na casa consistorial do municipio barbanzano para analizar os temas de interese común existentes entre ambas institucións en relación aos portos do concello. 

Unha das cuestións máis importantes das abordadas na xuntanza foi a que fai alusión á redefinición das relacións entre o porto de Ribeira e a cidade de Santa Uxía. A este respecto, Álvarez-Campana anunciou que para comezar a dar pasos neste obxectivo, unha das dársenas existentes (concretamente, a enclavada na zona norte, xunto á entrada ao porto pola beira do Club Náutico) vai estar especializada nos deportes náuticos, e a tal efecto albergará instalacións e actividades asociadas ao remo, o piragüismo, a vela ou o surf. 

Concello e Portos colaborarán na cristalización deste proxecto para a dársena norte, que fará que o porto quede dividido en tres zonas perfectamente delimitadas en función do uso:  a deportiva, a pesqueira e a de uso comercial. 

Abundando tamén no tema do entronque marítimo e urbano  ribeirenses, Manuel Ruiz Rivas fixo fincapé tamén noutras actuacións encamiñadas nesa mesma dirección que se enmarcan dentro do plan Ribeira Atlántica 2015 e quixo convidar ao presidente de Portos a formar parte do comité de seguemento deste proxecto ante os intereses comúns existentes ao respecto, que afectan a lugares da cidade como a avenida do Malecón, o paseo das Carolinas ou o paseo que vai cara O Touro,. 

Nova lonxa

Outro dos asuntos tratados na reunión de hoxe foi o do edificio da nova lonxa. Segundo informou o presidente de Portos, actualmente se está traballando segundo as previsións na redacción do proxecto construtivo e anunciou a posta en marcha dunha comisión de seguimento liderada polo Concello e na que terán participación tamén os futuros usuarios e os técnicos de Portos. 

Cabe lembrar que proxecto e obra foron adxudicados conxuntamente o pasado marzo á empresa Acciona, cun importe de 17 millóns de euros e un prazo de execución de 36 meses contado a partir do momento da firma do contrato. 

Outros temas relacionados co porto de Santa Uxía abordados esta tarde foron o estudo de ampliación do peirao comercial (que está en fase de estudo e séguese avanzando no mesmo) ou a próxima licitación mediante concesión dun foso e un travel na zona pesqueira en resposta as demandas da confraría de Ribeira.

Con relación ao porto de Aguiño, Álvarez-Campana manifestou que se está traballando na modificación das ramplas e na optimización do espazo portuario, e que pronto se sacará a concurso unha estación de subministro de combustible para a flota que opera nesta parroquia. 

En canto ao porto de Palmeira estase a traballar con proxectos específicos como son a modificación da rampa e a preparación de casetas para os usuarios, que se enmarcan noutro máis xeral.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical