31.8.11

Boiro: as Festas do Carme de Abanqueiro celébranse esta fin de semana, 3 e 4 de setembro

Carme_2011

Boiro, 31 de agosto de 2011. A comisión de Festas de Abanqueiro voltou dar exemplo e gabeou un banzo máis para acadar unhas festas do Carme moi completas.

Este sábado, 3 de setembro, haberá mexilloada e pinchos todo o día. Pola tarde, inchables para os nenos mentres un grupo de mulleres e homes farán unha capela floral no peirao, na cal se oficiará a misa do Carme do Domingo.
Xa pola noite, as orquestras que animarán a verbena a partires das 22:00 horas son o Trío Cibeles de Vigo e un conxunto de rapaces dun grupo local que está comezando.



O domingo, 4 de setembro, é o Día do Carme en Abanqueiro. Ás 10:45 baixarán santos en procesión ata o peirao co grupo de gaitas "A Buxaina". De seguido haberá misa cantada no peirao do Bodión e dará o remate unha procesión marítima coa súa correspondente ofrenda floral polos defuntiños do mar. Á volta vaise recibir á Virxe cunha gran tirada de foguetes mentres anima A Buxaina coas súas gaitas.

Dende as 12:30 haberá mexilloada, churrascada e unha paella farturenta no peirao do Bodión. Ademais, este ano contan cunhas empanadas de categoría, feitas para o Día do Carme por un restaurante local.

 
A verbena do domingo vai ser amenizada polo trío V3 e sobre as 11:45 haberá unha boa tirada de fogos de artificio acuáticos dende unha plataforma fondeada no mar á que contribuíron Otero e Losada así como o asteleiro de bateas de Manuel Sánchez.

A comisión agradece a veciñas, veciños, negocios e empresas que contribuíron economicamente a que estas festas puideran saír adiante.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical