22.9.11

Mar: o Psoe considera que a regulación dos pérmex do 15 de xullo é "un atentado á dignidade das mulleres traballadoras de Galicia"

pregunta violencia.PDF Download this file

-A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira dixo que “tódolos seus artigo desprenden un arrecendo paternalista e discriminatorio descoñecido na lexislación española e autonómica dende fai moito tempo”

- A Xunta, pola contra, defende que esa normativa "promove a igualdade ao conceder permisos ás mariscadoras para coidar fillos e familiares"

Media_httpfarm4static_aqxaa

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira interviu hoxe na Comisión 8ª do Parlamento para reclamar explicacións sobre a Orde do 15 de xullo de 2011, pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé.

Soneira afirma que esta Orde “é un dos maiores atentados á dignidade das mulleres traballadoras”. Dixo que “tódolos seus artigos desprenden un arrecendo paternalista e discriminatorio descoñecido na lexislación española e autonómica dende fai moito tempo”.

A parlamentaria explica que nos seus 19 artigos e 8 disposicións hai "todo un compendio de prácticas que agochan o machismo solapado e o caciquismo como un criterio fundamental e determinante para o acceso ao pérmex". Advirte que a discriminación en función do modo en que se exerce o marisqueo, o clientelismo máis rancio e a intromisión da administración no goberno das confrarías e agrupacións de mariscadoras, e destas na asunción de trámites que deberan ser propios da Administración pública. 

Ademais asevera que esta Orde establece un baremo, para acceder ao pérmex, que, na situación económica e socio-laboral na que nos atopamos, lonxe de fomentar o acceso ao emprego das persoas en función de necesidades obxectivas, segue a fomentar o amíguesmo e o clientelismo como forma de acceder a un posto de traballo.

A réplica da Xunta ás acusacións socialistas:

Mar promove a igualdade na orde que regula os pérmex ao conceder permisos ás mariscadoras para coidar fillos e familiares

O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños lembrou que a normativa incorpora as conclusións do último Encontro de Mariscadoras celebrado o pasado ano e recolle vellas demandas do colectivo

A Xunta persegue retomar a actividade marisqueira normal, crear emprego e frear o furtivismo co sistema de reinstalación de molusco procedente de zonas clasificadas como C

A Consellería do Mar está a traballar para tratar de manter e incrementar os postos de traballo da frota que faena no Cantábrico-Noroeste, como pasou o ano pasado

A Xunta apoiará todos os proxectos de produción de semente de bivalvo “sempre que sexan sostibles e viables nos eidos social, económico e medioambiental”
 

Santiago, 22 de setembro de 2011.- A nova orde que regula os permisos de explotación para o marisqueo a pé prevé a posibilidade de que as mariscadoras pidan permisos de ata tres años polo nacemento dun fillo ou por adopción ou acollida, así como dun ano para o coidado de familiares. O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández, dixo hoxe na comisión 8ª de pesca e marisqueo que isto pon de manifesto “que a Consellería é sensible aos problemas da sociedade actual e do sector marisqueiro a pé e persegue mellorar as condicións das mulleres que se ven inmersas en situacións que poden limitar o exercizo da súa actividade profesional”.

Fernández Asensio lembrou que a normativa ademais favorecerá ás vítimas de violencia de xénero que se vexan na necesidade de abandonar a súa actividade laboral para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral. Tal e como amosa o documento, a suspensión temporal poderá acordarse nestes casos por un período dun ano en función da sentenza xudicial e ata un máximo de 18 meses.

O director xeral subliñou que este documento recolle “as peticións do sector para a súa mellor organización” e que foi froito do diálogo en diferentes comisións de traballo e no VI Encontro de Mariscadoras celebrado en febreiro de 2010. Precisamente, unha das demandas do sector de a pé foi a renovación anual dos títulos administrativos habilitante, argumentando que o atraso desta renovación poderían darse casos de falta de implicación nas tarefas complementarias á propia actividade extractiva, tales como limpezas, traslados ou vixilancia..

O responsable de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños explicou ademais que esta diferenza con respecto ao marisqueo a flote ten sentido porque “está vinculado a una persoa física, a diferenza de o de a flote, que está ligado a unha embarcación, que é quen ten esta arte ou modalidade no seu pérmex”.

Reinstalación de moluscos procedentes de zonas C
Pola súa banda, a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, insistiu en que a reinstalación de marisco procedente de zonas C permitirá recuperar a actividade normal e, polo tanto, normalizar os ingresos de todos os mariscadores que traballan nas 15 confrarías de toda Galicia que contan con bancos marisqueiros localizados en zonas catalogadas como C. “Galicia contará cunha zona de reinstalación por provincia”, asegurou e lembrou que este procedemento permite depurar naturalmente o molusco procedente destas áreas.

A directora do Intecmar subliñou que a Consellería persegue, con esta fórmula, “crear emprego e frear o furtivismo, xa que a rexeneración destas zonas dará cabida a novos mariscadores”. Cabe lembrar que esta fórmula permitirá poñer no mercado máis de 450 toneladas de marisco de calidade e garantía hixiénico-sanitaria e xerará arredor de 6 millóns de euros nas lonxas e para os mariscadores galegos.

Salgado informou ademais das garantías sobre este proceso de reinstalación xa que as mermas por mortalidade superior ao 10% serán aboadas, aínda que destacou que os resultados achegados polas mostras efectuadas amosaron que non se chega a ese porcentaxe. Asemade, subliñou que o produto sometido a esta reinstalación estará a disposición dos mariscadores en breve espazo de tempo e non supón ningún custe para os mariscadores galegos.

167 postos de traballo novos no 2010
Por outra banda, o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, informou do incremento de 167 tripulantes o ano pasado nos buques con porto base en Galicia que faenan no caladoiro do Cantábrico-Noroeste. Maneiro explicou que 1.050 tripulantes se deron de alta no Instituto Social da Marina durante o ano pasado, fronte aos 883 que se deron de baixa. Son os resultados da enquisa Ocupesca, elaborada pola Consellería sobre a poboación ocupada na frota galega que realizou a súa actividade en augas interiores de Galicia e no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste durante o ano pasado.
O responsable de Competitividade e Innovación salientou tamén que a maioría dos traballadores por conta allea, que son 5.841 persoas, gozan de contrato indefinido -un 61,7 %- fronte ao 33,85 que teñen contrato temporal. O director xeral asegurou que a Consellería do Mar “está a traballar intensamente para tratar de manter e incrementar os postos de traballo neste sector estratéxico para Galicia neste ano, a pesar das complicadas circunstancias ás que se enfronta o sector tralos recortes dos TACs e cotas establecidos pola UE para o presente ano 2011”.

Apoio á produción de semente de bivalvos
Por último, o director xeral fico fincapé en que a Consellería vai continuar apoiando decididamente todos aqueles proxectos empresariais da pesca, o marisqueo e a acuicultura, sempre e cando sexan sostibles e viables nos eidos social, económico e medioambiental, como é o caso de produción de semente de bivalvos. O director xeral subliñou que “se fará, como vén facendo dende o comezo da lexislatura, cun rigor extremo tanto na autorización de novas instalacións de produción coma no financiamento con fondos públicos deste tipo de instalacións”. Maneiro recalcou que se trata de actividades económicas e como tales deben desenvolverse con criterios “de eficiencia e eficacia económica e por suposto de rendibilidade”.

Maneiro sostivo que a achega de sementes de calidade é un dos factores clave no desenvolvemento sostible do noso sector marisqueiro e acuicultor e unha condición imprescindible para que este sector poida ser considerado plenamente coma unha actividade máis da acuicultura e poder así beneficiarse das axudas que a UE destina a este sector. “Neste senso calquera actividade que vai neste camiño contará co apoio da Xunta”, asegurou.

Na actualidade, en Galicia existen 16 autorizacións para a semente de bivalvos das cales 13 son de titularidade privada e 3 de titularidade pública. Todas están autorizadas para ameixa babosa, fina e xaponesa e algunhas a maiores poden cultivar outras especies como a ostra plana. A semente prodúcese para o seu posterior engorde nas concesións marisqueiras.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical