- Dentro do proxecto, elaborado polo Concello, chamado Remocicar II, cun orzamento de 100.400 euros. Economía paga o 70% do montante e o Concello o 30%
- A concelleira de Comercio, Mónica González Eiras, di que este investimento "permitirá mellorar a imaxe do Casco Histórico e potenciar a zona comercial. Imos consensuar cos empresarios o programa a través da Mesa Local de Comercio"
- Preténdese crear unha liña de mobiliario propia para o casco vello noiés, que o diferencie do resto de Galicia
Noia, 7 de setembro de 2011. A Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia vén de conceder unha subvención para equipamentos comerciais no Casco Histórico de Noia a través da convocatoria do programa de subvencións para a modernización de equipamentos comerciais: Ágora Recomercia 2011 para zona peonís comerciais.
O proxecto realizado polo concello e denominado Remocicar II ten un orzamento de 100.400 euros e servirá para instalar mobiliario (bancos, bolardos, papeleiras, puntos de información ao consumidor, xardineiras), sinaléctica, iluminación de baixo consumo e outros elementos. A finalidade é crear unha liña de mobiliario propia para o Casco Histórico de Noia, e que permita homoxeneizar os distintos compoñentes do mobiliario público.
Un dos elementos afectados será a sinaléctica. Na imaxe, a sinalización de Pedrachán, proxecto premiado varias veces
A subvención da Dirección Xeral de Comercio cobre o 70% do orzamento de 100.400 euros, aportando o resto o Concello de Noia, e está dividida en dúas anualidades, unha para o 2011 de 56.224,00 euros e para o 2012: 44.176,00 euros.
A concelleira de Comercio Mónica González Eiras considera "moi importante este investimento xa que permitirá mellorar a imaxe do Casco Histórico e por tanto potenciar a zona comercial. Para eso consensuaremos coa Asociación de Empresarios Noia Histórica a implementación do programa a través de Mesa Local de Comercio. Debemos seguir traballando na mellora do noso casco histórico, para iso son esenciais este tipo de medidas que complementan outras liñas moi importantes como as de rehabilitación de vivendas no casco histórico que se levan desde a concellería de Urbanismo de Bieito González, para a mellora global do Casco Histórico que é un dos principais atractivos da nosa vila, ademais de concentrar boa parte da actividade comercial da mesma".
Mobiliario identitario noiés
Noia conta con patrimonio e lendas abondo para fixar unha imaxe distinta do resto de Galicia
González Eiras destaca que unha das singularidades do proxecto é que os equipamentos comerciais que se instalarán serán deseñados especificamente para o casco histórico noiés, "fuxindo de elementos estándar que existen noutras vilas. Preténdese un mobiliario identitario propio do noso casco histórico; un casco histórico como o noiés precisa de elementos específicos diferenciados doutras zonas ou vilas para o que se creará unha liña identitaria exclusiva. Ademais tentaráse na medida do posible que os elementos sexan elaborados por artesáns da nosa vila".
Urbanismo: "fóra de ordenación", para arranxar as desfeitas do "ti vai facendo"
Rehabilitación: comeza a novena fase, con 22 actuacións
Arqueoloxía: Capítulo 0 adícalle unha entrada a Taramancos Vello
Ponte da Chaínza: están a destapala. Dous metros de altura no arco!
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario