22.9.11

Porto do Son: o Consello da Xunta aprobou a declaración como Ben de Interese Cultural -categoría de zona arqueolóxica- o Castro de Baroña

  • O conselleiro de Cultura e Turismo visitou xunto ao alcalde de Porto do Son o xacemento esta mañá 
  • Varela sinalou que o castro de Baroña é “un enclave simbólico dentro da cultura castrexa de Galicia” e destacou que coa declaración aprobada hoxe “cúmprese o compromiso adquirido no Parlamento” de facela efectiva antes do remate de 2011
  • Nin chío do castro, pode que máis grande e máis interesante, atopado en Taramancos este verán, que está a escasos quilómetros do de Baroña

Porto do Son, 22 de setembro de 2011.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, visitou hoxe o Castro de Baroña, no concello de Porto do Son, na mesma xornada na que o Consello da Xunta vén de aprobar a súa declaración de Ben de Interese Cultural coa categoría de zona arqueolóxica. Durante a súa visita, o conselleiro asegurou que supón “unha inmensa satisfación” que o Castro de Baroña sexa BIC, xa que esta declaración “garante a maior protección que prevé a nosa lexislación para un ben cultural, facéndolle así xustiza a este xacemento pola súa relevancia histórica, cultural, social e turística”.

Durante a súa estancia en Baroña, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Porto do Son, Luís Oujo Pouso; polo secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández- Campa, e polo director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel. Nas súas declaracións aos medios, o conselleiro de Cultura e Turismo fixo fincapé en que a protección que recolle a declaración BIC aprobada hoxe “é aínda máis exhaustiva que a prevista inicialmente”, xa que finalmente recolle a categoría de zona arqueolóxica, máis ampla que a de monumento coa que se incoou o expediente. Esta categoría, lembrou Roberto Varela,“permite ampliar considerablemente a área de protección, que mesmo se adentra no mar unha franxa de 200 metros”.

O conselleiro asegurou, ademais, que coa decisión tomada hoxe polo Consello da Xunta “cúmprese o compromiso que adquirín ao respecto no Parlamento de Galicia o pasado mes de marzo”, cando anunciou que a declaración sería efectiva antes de finais de 2011. Roberto Varela destacou que Baroña é “un enclave simbólico dentro da cultura castrexa de Galicia” e lembrou que supón un elemento de atracción turística de grande importancia para toda a comunidade.

O titular de Cultura e Turismo enmarcou esta acción en Baroña “no esforzo especial que estamos levando a cabo para protexer e poñer en valor algúns dos xacementos arqueolóxicos máis importantes da nosa comunidade”. Nesta liña, lembrou que nos últimos meses foron declarados BIC os castros de Neixón (Boiro), Borneiro (Cabana de Bergantiños), Saceda (Cualedro) e hoxe mesmo vén de aprobar o Consello da Xunta a declaración de Baroña. “A protección, conservación, posta en valor e difusión do noso rico patrimonio arqueolóxico está a ser unha das nosas prioridades”, rematou.

Declaración BIC
O Consello da Xunta deu luz verde hoxe á declaración BIC coa categoría de zona arqueolóxica como recoñecemento ao carácter senlleiro deste xacemento, castro costeiro representativo dun tipo de hábitat prehistórico da costa atlántica galega, amplamente investigado ao longo do século XX. En total, ocupa unha superficie de 53.733 metros cadrados.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou en abril de 2011 o expediente para a declaración do castro como ben de interese cultural coa categoría de monumento. Con posterioridade, e vistos os informes favorables da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Coruña, da Real Academia Galega de Belas Artes, a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e do Consello da Cultura Galega, propúxose declarar o Castro de Baroña como Ben de Interese Cultural segundo a categoría de zona arqueolóxica, por entender que se axusta perfectamente á tipoloxía, entidade e especialidade deste conxunto arqueolóxico, ampliar cara o mar a súa contorna de protección cunha liña equidistante de 200 metros medidos desde o borde costeiro, e determinar os criterios básicos que deberán rexer as futuras intervencións.

O Castro de Baroña é un dos xacementos máis visitados da comunidade galega e representa un dos mellores exemplos de castro dos chamados costeiros. A localización do xacemento sobre unha punta que se adentra no mar condiciona unhas boas defensas naturais e tamén a súa asociación cunhas formas de vida ligadas ao mar e aos recursos marítimos. O castro configúrase aproveitando a morfoloxía rochosa e abrupta da península sobre a que se asenta.

Nin palabra sobre o veciño castro de Taramancos

Na nota de prensa da Xunta non se fai nin unha soa mención sobre o veciño castro de Taramancos, que, pola súa morfoloxía e características descubertas ata o de agora, podería ser tan o máis interesante que o de Baroña. En Certo abordamos esa cuestión en diferentes noticias:


Variante: o atopado en Taramancos, mero trámite


Arqueoloxía: "Terra de Outes" pronúnciase a prol da conservación completa do atopado en Taramancos Vello


Arqueoloxía: piden á Xunta modificar a variante para conservar o de Taramancos

Pode que tamén lle interese:


Arqueoneixón: opinión sobre os milladoiros de Baroña


Xornadas: remate cun protagonista especial: o castro de Baroña


Castro de Baroña: 120.000 euros para consolidalo e poñer sinais


Centro de Interpretación de Baroña: 30.000 euros para actividades


Patrimonio: o castro de Baroña, por fin BIC este ano?


Arqueoloxía: os castros de Neixón, declarados BIC


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical