- O conselleiro de Cultura e Turismo asistiu hoxe na Pobra do Caramiñal á ofrenda floral a Ramón María del Valle-Inclán, nun acto onde cualificou ao escritor como “un fillo da Ría de Arousa, unha circunstancia que acompañou ao escritor durante toda a súa vida, marcando o seu carácter, os seus escritos e o seu xeito de ver o mundo”.
Roberto Varela recordou que Ánxel Fole foi un dos moitos escritores galegos que recoñeceu abertamente a súa fascinación por Valle-Inclán, a quen describiu coma “un personaxe sacado dos seus libros; o protagonista da súa propia literatura, tan fantástico como real”. Neste sentido, Varela destacou a fonda admiración que tivo Fole despois de ver por primeira vez ao escritor arousán en 1935 na Ferradura de Compostela, “nunha época na que Valle xa era toda unha lenda en vida”.
O titular de Cultura e Turismo cualificou a Valle-Inclán como “fillo da Ría de Arousa, unha circunstancia que acompañou ao escritor durante toda a súa vida, marcando o seu carácter, os seus escritos e o seu xeito de ver o mundo”. O conselleiro asegurou que non resulta difícil atopar na obra de Valle “trazos das terras de Arousa, das paisaxes, da cultura popular, da forma de ser das xentes, da maxia da terra”. “Valle posúe unha indisoluble raizame galega, a presenza de Galicia é unha constante en boa parte do seu legado literario, unha presenza case física e palpable”, engadiu.
Segundo Varela, a proba disto é que “a Pobra do Caramiñal foi berce dos devanceiros do escritor, escenario dos primeiros pasos dos seus fillos, e o lugar onde concibiu un bo numero das súas obras mestras”. “Esta terra e esta ría foron, en fin, a patria que sempre levou consigo”, engadiu. Asemade, o conselleiro afirmou que de entre as moitas definicións que se teñen dado de Valle, “tal vez fora Castelao quen esbozou unha das máis certeiras, xa que asegurou que ante todo era un fidalgo arousán: unha casta de homes que pon sempre por riba das riquezas materiais a imponderable riqueza do espírito”Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario