18.11.11

Riberia: pólas da poda das árbores, para compostaxe

  • O Concello mercou, con fondos europeos, unha trituradora de restos vexetais
  • Antes queimábanse estes restos, co conseguinte prexuízo para o medio ambiente


Ribeira, 18 de novembro de 2011.- O Concello conta cun número cada vez máis importante de superficie verde e arborada: en xardíns, parques, rúas, avenidas, prazas, paseos,... plántanse habitualmente arbustos e árbores que, en cada caso, se adaptan ás condicións do entorno, tanto climatolóxicas como ornamentais ou funcionais. 

O Servizo Municipal de Mantemento de Parques e Xardíns contempla anualmente as campañas de poda, co obxecto de manter adecuadamente as árbores, á vez que se evitan posibles roturas de parte das ramas, molestias sobre vehículos e viandantes por exceso de masa verde, ademais de manter a estética do conxunto arborado. Esta operación lévase a cabo de forma puntual, de acordo co tipo de árbore e as condicións climáticas do lugar, normalmente durante as estacións de outono e inverno.  

Durante estas campañas xérase unha grande cantidade de residuos biodegradables, resultado dos traballos de poda, caracterizados por ocupar un gran volume cun peso relativamente baixo, compostos por ramas de diverso calibre, leñosas e verdes, cun gran número de follas, todo iso variable segundo o tipo de especie arbórea. 

Tamén en zonas axardinadas se xeran ao longo de todo o ano outro tipo de residuos biodegradables, restos vexetais de diversa natureza (céspede, plantas de tempada, podas de especies arbustivas, ...), cun volume anual relevante.    

Debido á súa composición, o tratamento destes residuos debería basearse na súa compostaxe ou aplicación enerxética como biomasa, pero ata a data, a práctica habitual é a súa incineración mediante queimas controladas, co conseguinte prexuízo ambiental derivado da emisión de gases de combustión coma o CO2. 

Fondos Feder

Dende o Concello preténdese implantar un modelo de xestión de residuos vexetais procedentes de traballos de poda, corta de céspede e eliminación doutra vexetación accesoria das zonas verdes do termo municipal, mediante técnicas de compostaxe. Para conseguir levar a cabo estas accións o primeiro paso foi a adquisición dunha biotrituradora de restos vexetais, ao abeiro das axudas convocadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para o financiamento de proxectos en materia de xestión de residuos, con cofinanciaciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. 

O Servizo Municipal de Mantemento de Parques e Xardíns poderá empregar a biotrituradora in situ no lugar de traballo e, deste modo, os restos de poda obtidos serán introducidos de forma continua na biotrituradora que proxecta o material moído ao vehículo de recollida para o seu transporte a destino final na área prevista para efectuar a compostaxe dos restos vexetais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical