O prazo de inscrición iníciase hoxe, 15 de novembro, e establécese o 29 de febreiro como data límite para a recollida de curtametraxes
- O obxectivo é espertar a creatividade audiovisual dos estudantes galegos, ato tempo que se fomenta o traballo en equipo e se dan a coñecer as posibilidades que se abren no eido da formación e o coñecemento de novas tecnoloxías a través das aulas CeMIT
- A iniciativa implica tanto ao alumnado, como creador das curtas; como aos centros educativos, como titores e facilitadores das inscricións; e aos responsables das aulas CeMIT, que se encargarán da difusión, validación e recollida das inscricións e traballos presentados
- Haberá diversos premios, tanto a nivel provincial como autonómico, para os participantes e o centro educativo ao que pertencen. A partir do 7 de marzo comezará o proceso de votación dos vídeos presentados, mediante o sistema ‘Gústame’ de Facebook, a través do portal Facebook/IMit Xunta
Barbanza-Noia, 15 de novembro de 2011.- A rede de centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, rede CeMIT, por iniciativa das aulas CeMIT dos concellos de Vimianzo e Abegondo, acaba de convocar o I Concurso de Curtas realizadas co móbil, dirixido a mozos matriculados na ESO ou no Bacharelato dos centros educativos da Comunidade Galega.
Este concurso, que se convoca por primeira vez na administración autonómica a través do Facebook da web de Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica, http://www.facebook.com/imitxunta, abre hoxe o seu prazo de inscrición. Os obxectivos do certame son espertar a creatividade audiovisual dos estudantes galegos, fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no campo da formación e coñecemento das novas tecnoloxías que se veñen ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas CeMIT dos distintos concellos e comarcas galegos.
Neste I Concurso de curtas realizadas co móbil os mozos da ESO e Bacharelato que teñan entre 14 e 20 anos poderán participar, de xeito individual ou colectivo, e mostrar a súa destreza cinematográfica coa gravación de curtas orixinais cunha temática que exprese aqueles valores e ideas relacionadas coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá.
Axentes implicados e fases do concurso
Os estudantes que desexen participar nesta iniciativa, cuxo prazo de inscrición se abre hoxe e permanecerá aberto ata o 29 de febreiro para a recollida das curtametraxes, contarán coa axuda activa da comunidade educativa e dos responsables das aulas CeMIT. Así, neste programa implícase tanto ao alumnado -como creador das curtametraxes-, como aos centros educativos -como titores dos alumnos participantes e facilitadores das inscricións das curtas que os representarán-, e aos responsables das aulas CeMIT, que se encargarán da difusión, resolución de dúbidas, validación e recollida das inscricións e traballos presentados ao concurso.
Unha vez recollidos todos os vídeos participantes, subiranse a internet para someterse á votación mediante o sistema ‘Gústame’ de Facebook a partir do 7 de marzo de 2012. Tanto os alumnos das obras seleccionadas coma o centro educativo ao que representan poderán optar a unha serie de premios, tanto a nivel provincial como autonómico. Así, o centro educativo gañador a nivel provincial será obsequiado cunha cámara dixital compacta e o equipo gañador recibirá ata un máximo de 5 Ipod, que poderán ser distribuídos, a criterio do titor, no caso de que o grupo que presenta a curtametraxe estea formado por un número superior de integrantes.
A nivel autonómico entregaranse distintos premios aos centros educativos gañadores: no caso de quedar en primeiro lugar, o premio consistirá nun Netbook; e no caso de quedar en segunda posición o premio será unha videocámara.
Os alumnos e centros educativos interesados en participar neste concurso poderán inscribirse na aula CeMIT máis próxima ou a través da web www.cemit.xunta.es. As bases completas da iniciativa poderán consultarse en http://www.facebook.com/imitxunta.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario